RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA, contra o Athletic Club B mañá en Lezama e contra a fatiga

Despois da eliminación copeira nunha amarga quenda de penaltis o pasado mércores en Tenerife, o Deportivo ABANCA regresa á liga coa visita ao Athletic Club B mañá domingo 23 de outubro ás 12:00 en Lezama, correspondente á 6ª xornada en Primeira Federación FutFem.

As branquiazuis porán así fin a unha extenuante semana con dous partidos oficiais e 5.658 quilómetros percorridos entre A Coruña e Santa Cruz de Tenerife primeiro; e entre A Coruña e Bilbao. "Loxicamente estamos un pouco fatigadas. Foi unha viaxe dura, longa, onde se xogou un partido con prórroga. As xogadoras entregáronse e iso leva un pouco de fatiga", desvelou onte venres en rolda de prensa Irene Ferreras.

A adestradora branquiazul explicou que "tentamos regular un pouco as cargas, tamén traballando a nivel táctico o próximo partido para ter a idea do que nos imos a atopar e a proposta que imos facer. Se algo ten este equipo é que vén adestrando moi ben durante moitas semanas, as xogadoras recuperan mellorar, mañá (por hoxe) estaremos mellor e o domingo mellor".

Despois de cinco xornadas, As Nosas marchan terceiras na táboa con 10 puntos, só por detrás do FC Barcelona B, segundo con 11; e da SD Eibar, líder da categoría con 13 puntos.

Irene Ferreras conta con todo o seu cadro fóra de Letti Sevilla, de baixa médica.

A adestradora branquiazul fixo rotacións na Copa e quedaron en casa para o partido ante a Fundación Canaria CD Tenerife Ainhoa Marín, Laura Fernández, Marta Charle, Millene e Raquel García. Todas elas regresan á convocatoria.

Pola súa banda, o Athletic Club B, que vén de perder en Eibar (3-1), é penúltimo na clasificación (15º) con 5 derrotas nos seus 5 partidos xogados. No seu campo de Lezama, o filial branquivermello caeu ante o Real Oviedo (0-1) e CP Cacereño (1-3).

O encontro xogarase en céspede sintético, polo que o Dépor ABANCA realizou a sesión de traballo desta mañá e a de onte venres no campo de O Monte, da mesma superficie.

A este respecto, Irene Ferreras opina que "somos a segunda categoría do fútbol feminino e tócanos convivir con eses condicionantes, sabendo que mesmo en Primeira División aínda hai moitos equipos con campos que creo que non están nas condicións adecuadas para dar un bo espectáculo non só para salvagardar a saúde das xogadoras senón tamén para vender ese produto, que a xente vexa un fútbol desde as súas casas ou en directo nas condicións que se merece a categoría".

Aclara que os adestramentos en O Monte obedeceron "simplemente a algo mental. Cando non terminan de saír as cousas tentas buscar sempre un cambio, un aliciente que ás xogadoras póidalles axudar. Cambiamos de escenario para sentir esas sensacións boas e fixemos un gran adestramento hoxe (por onte) nunha sensación que non é habitual nosa e desta maneira disipamos un pouco as inseguridades que poidan ter as xogadoras cando saes de Abegondo que se van a disipar no momento no que gañemos o partido".

O plan de viaxe do Dépor ABANCA é o seguinte:

Sábado 22 de outubro
09:00: Adestramento en O Monte (San Tirso)
11:30: Saída do autocar
20:30 (hora aproximada): Chegada e aloxamento no Hotel Seminario Aeroporto de Bilbao

Domingo 23 de outubro
12:00: Athletic Club B - Deportivo ABANCA, en Lezama
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña