RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA creu até o final, pero quedou a un gol do ascenso (1-0)

O camiño á liga F para o Dépor ABANCA estaba claro desde o arranque do partido: gañar por, polo menos, dous goles de diferenza para, facendo bo o factor campo pola temporada regular, enxugar o 2-0 dunha semana antes en Granada. Con respecto a ese partido unha única modificación no once, a entrada de Eva Dios por Marta Charle.

O partido arrincou da maneira esperada após a ida, co Granada sen ningunha présa, esperando a un Dépor ABANCA dominador no xogo, pero ao que lle custou moitos minutos xerar ocasións de perigo. 

No 3 tentouno Millene cun disparo de lonxe desviado. No tramo entre o minuto 10 e 20 o Granada foise timidamente arriba, con varios achegamentos por banda dereita: o primeiro que peiteou Noe e blocou Lucía na súa primeira intervención. Por esa mesma banda volveu crear perigo o equipo nazarí cun centro raso que sacou Inés Altamira. E no 20 foi Lucía a que tirándose abaixo atallou o perigo.

A partir de aí o Dépor ABANCA recuperou de novo o dominio e as ocasións, como o balón colgado por Laura á frontal que Eva Dios deixou de cabeza para Paula que, cun potente disparo desde a frontal, xerou a primeira gran ocasión para As Nosas, obrigando á estirada de Sandra, que desviou o balón a córner.

No últimos cinco minutos o Dépor ABANCA puido cambiar a cara ao partido grazas a unha gran xogada persoal Millene, que meteu para a chegada de Ainhoa; o corte da defensa deixou o balón aos pés de Laura no punto de penalti para rematar raso e que salvase Sandra co seu pé esquerdo na mellor ocasión do primeiro tempo. 

Antes do descanso un balón de lado a lado acabou sendo centrado por Eva Dios á cabeza de Cris, que se incorporou polo carril contrario para estrelar o balón entre a cruceta e o lateral da rede.

O segundo tempo consumiuse cun Dépor ABANCA dominador e un Granada cada vez máis atrás, esperando posibilidades en saídas á contra. 

O control do xogo deportivista non se traduciu apenas en chegadas e en ocasións claras. Só Inés, coa dereita desviado, no 63, e Letti no 85, probaron fortuna cara portería.

E nesas contras, as ocasións máis claras do desenlace foron para o Granada CF por mediación de Naima: a primeira ao traveseiro e outra após tentar regatear a Lucía e enviar alto.

Co medo no corpo, pero xa con pouco que perder polos minutos que restaban o Dépor ABANCA foise arriba. No 88 anotou Ainhoa Marín para dar esperanzas no últimos cinco minutos. Xa co tempo cumprido As Nosas non puideron aproveitar un barullo á saída dunha falta lateral e nesa ocasión morreu o partido e o soño do Dépor ABANCA de regresar a Primeira División.

Dépor ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara (Letti, min. 74), Paula Gutiérrez, Henar, Eva Dios (Carlota Suárez, min. 64), Laura Fernández (Charle, min. 46), Ainhoa Marín e Millene (Carlota Sánchez, min. 80).

Granada CF: Sandra, Marta Carrasco, Alicia, Laura Pérez (Inés Faddi, min. 59), Pamela, Lauri, Alba Pérez, Gaste, Naima (Cristina Moreno, min. 85), Postigo e Noe (Anxos, min. 59).

Goles: 1-0 Ainhoa Marín (min. 88)

Árbitra: Aguilera Manzano (c. Valenciano). Amoestou a Paula Gutiérrez (min. 32), Marta Carrasco (min. 35) e Pamela (min. 45)

Incidencias: partido de volta (ida 2-0 para a Granada) da final de ascenso a Liga F, disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante máis de 1.000 espectadores.