Nunha xornada na que, pechando o calendario, o Dépor ABANCA podía sacar proveito dos empates de rivais directos arriba, a igualdade e a falta de ocasións para lograr os 3 puntos marcaron a visita ao filial do Granadilla.
O partido comezou con tenteo entre ambos os equipos, cun córner a favor das locais e un balón triangulado á área ao que se adiantou a porteira como resposta do Dépor ABANCA. Yohana para atallar unha falta tocou por primeira vez o balón mentres que a súa homóloga, Nay Cáceres, mostrábase tamén atenta para saír aos pés de Millene a interceptar un bo pase de Paula.
O susto do partido dérono Henar e dúas xogadoras do Granadilla, nun choque no que as futbolistas locais levaron a peor parte, obrigando a parar o partido durante varios minutos, a entrar ás asistencias e a realizar o primeiro cambio.
Un remate do Granadilla ao lateral da rede e outro cruzado de Millene que Nay despexou a córner foron os escasos argumentos de vitoria que os dous equipos presentaron antes do descanso, nunha primeira parte na que as imprecisións e os constantes paróns marcaron o guion do partido.
A segunda non cambiou moito o discurso, a pesar de que arrincou cun balón que se estrelou no traveseiro á saída dun saque de esquina e un remate desviado de Charle nunha boa xogada combinativa en ataque. No segundo tempo o Dépor ABANCA si puido parecerse máis a si mesmo e despregar o seu xogo, encerrando atrás ao Granadilla que se defendía con todas as armas posibles. Millene arriba de media volta coa zurda ou Aroa que non chegou a un balón que se paseou pola liña de gol non foron capaces de atopar portería. Tampouco Ainhoa a pase de Laura, que pola esquerda coa zurda atopouse á gardameta local, que se luciu aínda máis no minuto 88 cun paradón a tiro de Paula.
Cunha cabezada blocado en dous tempos púxose punto final a un partido que seguramente terminou cun merecido 0-0 no marcador, pero no que o Dépor ABANCA tentou até o último instante sumar dous puntos máis do logrado para abrir esa mesma diferenza con respecto aos rivais que o perseguen na loita polo ascenso directo.
UD Granadilla Tenerife B: Nay Cáceres, Sara, Eulalia, Ainhoa (Aitiara, min. 59), Giovaninha, Porto (Ana Fernández, min. 14), Cindy, Encarni, Barbara (Estupiñán, min. 85), Collete e Isa Álvarez.
Dépor ABANCA: Yohana, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Monteagudo (Samara, min. 64), Paula Gutiérrez, Henar, Ainhoa Marín, Laura Fernández, Charle (Aroa, min. 64) e Millene.
Árbitra: López Brustenga (c. catalán). Amoestou a Henar (min. 23), Giovaninha (min. 36 e 76), Irene Ferreras (min. 38), Ainhoa Marín (min. 42), Isa Álvarez (min. 60), Inés Altamira (min. 76), Collete (min. 83).
Incidencias: partido da 22ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no campo municipal de La Hoya do Pozo (O Médano, Santa Cruz de Tenerife).
