O Deportivo ABANCA perdeu o liderado de Primera Federación Ibredrola ao sufrir a primeira derrota do curso, en campo do RCD Espanyol, nun partido que estivo detido durante case unha hora debido ao mal estado do terreo de xogo tralo diluvio caído durante o descanso.
O Dépor ABANCA nunca se atopou cómodo na herba artificial e nun campo estreito nunha primeira metade na que o equipo local marcou o único gol do partido. As espanyolistas puxeron en apertos unha e outra vez á zaga e porteira coruñesas en centros laterais e en accións a balón parado.
No minuto 13, Yohana desviou a córner unha cabezada da paraguaia Lice Chamorro a un balón solto. No córner, Mar estrelou o balón no traveseiro nunha nova cabezada. Foi a propia Mar, no minuto 17, a que con outra cabezada marcou o único gol do partido, nun centro da colombiana Daniela Caracas.
O RCD Espanyol seguiu controlando o partido ante un Dépor ABANCA que non tirou a porta en toda a primeira parte. As locais probárono ao fío da media hora nun dereitazo demasiado cruzado de Lice Chamorro e preto do descanso nun disparo afastado de Ángeles a mans de Yohana.
Xusto cando a colexiada canaria sinalou o descanso, o diluvio comezou a caer sobre o campo 3 da Ciudad Deportiva Dani Jarque. Tal foi a cantidade de auga caída nese cuarto de hora que Xiomara Díaz García mandou aos equipos de volta aos vestiarios. Despois de moitas dúbidas por parte da árbitra insular, ao non botar a pelota en certos lugares do terreo de xogo, a segunda metade comezou preto das 12:50, con case 50 minutos de atraso.
Na segunda parte, o Dépor ABANCA foi outro equipo completamente distinto ao da primeira. Levou a batuta do partido e chegou con maior asiduidade. Ana de Teresa, que substituíu a Millene tralo descanso, estivo a piques de empatar no minuto 48, cun zurdazo após deixada atrás de Ayaka que Salvador só puido atrapar en dous tempos.
No minuto 55, un centro-chute de Ainhoa Marín o palmeou a porteira local para evitar o remate de Ana de Teresa no segundo pau. Cinco minutos despois, a propia extrema catalá atopou un balón longo ás costas da lateral esquerda, precisamente cara ao punto do campo que en peor estado quedou tralo ballón, e enganchou un potente derechazo desde dentro da área que repeleu o traveseiro. Foi a mellor ocasión coruñesa en todo o encontro.
A partir de aí, as forzas volveron equilibrarse. No minuto 77, Lice Chamorro tivo a ocasión de sentenciar a contenda nunha cabezada con todo a favor nunha falta lateral que rematou por riba do traveseiro.
Nos minutos finais, o Dépor ABANCA volveu apertar, pero só puido poñer en aprietos a Salvador cun disparo frouxo de Paula Gutiérrez desde a frontal da área no minuto 84. Tres minutos máis tarde, as deportivistas reclamaron un posible penalti a Charle, cando Caracas chegou tarde a cortar un centro de Henar que buscaba a soriana no segundo pau.
A pesar dos 6 minutos e medio de tempo engadido, o Dépor ABANCA non atopou a maneira de crear máis situacións de gol a pesar de levar o peso da contenda.
Con esta derrota, a primeira da temporada despois de 4 vitorias consecutivas, o Dépor ABANCA queda con 12 puntos despois de 5 xornadas, cedendo o liderado RCD Espanyol, agora con 13 puntos, e por diante do SE AEM, terceiro con 11 puntos.
RCD Espanyol: Salvador, Daniela Caracas, Simona Botero, Guerra, Lucía Vallejo (María Barquero, min. 57), Carol (Laia Jordán, min. 86), Ana Hernández, Ángeles (Judit Pablos, min. 64), Mar, María Lara (Júlia Serrat, min. 46) e Lice Chamorro.
Deportivo ABANCA: Yohana, Samara (Cris Martínez, min. 77), Inés Altamira, Raquel García, Elena, Henar, Ayaka (Lía, min. 88), Ainhoa Marín (Carlota, min. 62), Paula Gutiérrez, Laurina (Charle, min. 62) e Millene (Ana de Teresa, min. 46).
Gol: 1-0 Mar (min. 17).
Árbitra: Xiomara Díaz García (c. canario). Cartón amarelo a Ainhoa Marín (min. 44), Guerra (min. 50), Ana Hernández (min. 83) e á adestradora deportivista Irene Ferreras (min. 90+1).
Incidencias: partido correspondente á 5ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no campo 3 da Ciudad Deportiva Dani Jarque (Sant Adrià de Besòs).