RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor ABANCA visita mañá ao Athletic Club B en plena carreira polo liderado con outros cinco equipos

O Deportivo ABANCA visita mañá sábado 2 de abril ao Athletic Club B ás 18:30 en Lezama, en partido correspondente á 23ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola, en plena carreira polo liderado; e xusto unha semana antes que o equipo masculino en Primera RFEF.

A última xornada ligueira, a 22ª, que se saldou cun espectacular triunfo deportivista no campo do FC Levante Las Planas (0-3), apertou máis a loita pola única praza ascenso, con dous equipos á fronte da táboa igualados a 44 puntos (FC Levante Las Planas e RCD Espanyol); tres por detrás con 43 puntos (Deportivo ABANCA, CDF Osasuna Femenino e SE AEM); e un sexto equipo con 42 puntos (DUX Logroño).

Kevin Cabado, adestrador do filial que está estes días ao mando do equipo xunto ao resto do corpo técnico do Deportivo ABANCA, conta coas baixas por lesión de Alba Merino, Goretti e Paula Gutiérrez, esta aínda rengueante da súa escordadura de xeonllo; e Inés Altamira, sancionada por acumulación de amoestacións. Por contra, o equipo branquiazul recupera a Andrea Sierra.

Aroa Guerra, que esta semana participou na Cidade del Fútbol de Las Rozas (Madrid) nuns adestramentos coa selección española sub-19; Tati; Noela e Paula Novo son a representación de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas.

Na primeira volta, o 6 de novembro de 2021, impúxose en Abegondo o cadro branquiazul (2-1).

As biscaíñas, que a pasada fin de semana perderon pola mínima (2-1) ante o DUX Logroño, son décimas na táboa con 27 puntos e non poden descoidarse para non caer na zona de perigo.

No entanto, Lezama esta temporada é un fortín para o Athletic Club B, onde gañou 8 partidos, empatou 2 e tan só perdeu 1; cun balance de 23 goles a favor e tan só 8 en contra.

Dos aspirantes, só foi capaz de vencer en Lezama o RCD Espanyol (1-2). DUX Logroño e FC Levante Las Planas rascaron un empate (1-1); mentres que o SE AEM caeu derrotado (3-2).

Debido á longa viaxe, o adestramento de hoxe, previsto inicialmente para as 11:30, adiantouse ás 10:30 horas na Cidade Deportiva. Nada máis acabar, as convocadas subíronse ao autocar oficial do Club para emprender o desprazamento.

Mañá sábado nas instalacións do Gran Hotel Bilbao, cuartel xeral deportivista na capital biscaíña, as futbolistas branquiazuis realizarán unha suave sesión de activación. Está prevista para as 11:00 horas.

A folla de ruta do Dépor ABANCA é a seguinte:

Venres 1 de abril
12:30: Saída en autocar a Bilbao con parada en ruta para comer
19:30 (hora aproximada): Chegada a Bilbao e aloxamento no Gran Hotel Bilbao

Sábado 2 de abril
11:00: Sesión de activación nas instalacións do Gran Hotel Bilbao
18:30: Athletic Club B - Deportivo ABANCA, en Lezama
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

O domingo 3 de abril haberá descanso para o cadro deportivista, que se adestrará de novo o luns ás 18:00 en Abegondo.