RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor, con Quiles, Antoñito e o apoio masivo de #ANOSAFORZA, visita mañá á Cultural Leonesa

O Dépor rende visita mañá domingo 19 de marzo ás 17:00 (InSports.tv) no Estadio Reino de León á Cultural e Deportiva Leonesa, en partido correspondente á 28ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

A última xornada ligueira, despois do sabor agridoce do empate (1-1) da pasada fin de semana ante o Real Madrid Castilla en ABANCA-RIAZOR, deixou a Os Nosos na 2ª posición da táboa con 51 puntos, a 2 puntos do AD Alcorcón, líder con 53 puntos. Por detrás están Racing de Ferrol e Real Madrid Castilla, ambos con 49 puntos.

O partido será especial para Óscar Cano após o seu paso recente polo club leonés como Director Deportivo. Onte explicábao na sala de prensa, na súa comparecencia semanal ante os medios de comunicación: "O da dirección deportiva xorde porque eles teñen capital catarí e nese momento no que eu vou, o ano anterior ou durante a temporada anterior á miña presenza na Cultural eu estou en Catar como seleccionador sub-19. Roberto Olabe pai, que era co que tiña contacto diario na Academia Aspire e en Catar, foi unha testemuña de como se ía conformando ese proxecto de ascenso da Cultural".

Conta o adestrador branquiazul que "cando acaba a miña experiencia na Copa de Asia en Baréin como seleccionador catarí, expónseme continuar alí. Eu rexeito esa proposta porque quería virme para aquí e para España. Fanme outra proposta, que era poder ir a outro dos clubs que eles tiñan polo mundo. E tamén o rexeitamento. E dinme que hai outra posibilidade, que é ser Director Deportivo da Cultural Leonesa. Non é o que máis me gusta, obviamente, porque a min me gusta o campo, gústame adestrar pero si que é verdade que vin nesa ocasión unha oportunidade de saírme un pouquiño do que é esa responsabilidade e esa esixencia como adestrador, de ver o fútbol desde outra distancia e sobre todo de coñecer o mercado, que para min era moi importante. Cando somos adestradores é moi complicado coñecer por un mesmo o mercado porque todo se centra no que é a túa competición, a túa liga, os teus rivais".

Conclúe que "foron dous anos apaixonantes, cun ascenso a Segunda División. Gárdolle un agarimo extraordinario á xente de León. O outro día xa me demostraron que hai reciprocidad nese agarimo. Cando estiven a ver a as dúas semifinais de Copa del Rey a semana pasada portáronse comigo de maneira excepcional. Foi unha experiencia baixo o meu punto de vista moi positiva. Expuxéronme a renovación e tampouco a levamos a cabo porque sentía que quería volver adestrar".

Mañá domingo, Óscar Cano regresa ao Estadio Reino de León á fronte dun Dépor sen lesionados posto que Antoñito, á marxe do grupo durante toda a semana por unhas molestias nos isquiotibiais sufridas o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Real Madrid Castilla, adestrouse hoxe cos seus compañeiros con total normalidade e entrou na citación de 23 futbolistas.

Ademais, o equipo branquiazul recupera a Alberto Quiles,que se perdeu o último partido, ante o filial merengue, ao ter que cumprir un partido de sanción.

Onte, en rolda de prensa, o adestrador deportivista lembrou que a semana pasada referiuse ao dianteiro andaluz como "un xogador importante. É o máximo goleador desta competición desde que se creou pero tamén dixen que se podía substituír perfectamente porque hai moitos xogadores de gran calidade neste equipo. Seguramente noutro esa baixa fose aínda máis delicada, pero telo déixame un mellor sabor de boca, porque se que dispoño dun xogador que ten moitísima facilidade para o gol e que a nós nos axuda moito".

Esta mañá, na última sesión previa ao partido, após un quecemento con rondos, o corpo técnico branquiazul dispuxo unha tarefa de finalizacións, un partido 11 contra 11 e un último repaso ás accións a balón parado.

Pola súa banda, a Cultural e Deportiva Leonesa na que milita o ex deportivista Pablo Trigueros, chega ao choque despois de empatar a pasada fin de semana en Majadahonda (1-1).

Na primeira volta o pasado 20 de novembro e xa con Óscar Cano sentado no banco deportivista, o partido en ABANCA-RIAZOR entre os dous equipos acabou en igualada (2-2) con goles de Quiles e Yeremay. O partido caracterizouse polas múltiples ocasións falladas polo Dépor.

O cadro leonés é actualmente 9º na táboa con 35 puntos, aínda que estivo boa parte da liga acariñando a zona de play off de ascenso.

No Estadio Reino de León, a 'Cultu' esta temporada impúxose ao AD Ceuta FC (2-0), CF Fuenlabrada (2-0), Pontevedra CF (2-0), Unionistas de Salamanca CF (2-0), San Fernando CD Isleño (2-0), UD Sanse (4-1) e AD Mérida (2-0) na que foi a súa última vitoria en casa, o pasado 15 de xaneiro. Por contra, sacaron os 3 puntos de León o CD Badaxoz (0-1), Córdoba CF (0-3), CF Rayo Majadahonda (1-3), Algeciras CF (0-1) e AD Alcorcón (0-2), estes dous nos dous últimos choques no seu campo. Finalmente o Racing de Ferrol rabuñou 1 punto cun empate sen goles (0-0).

Eduardo Docampo, técnico da Cultural Leonesa, confesou que "é un partido máis e tentámolo afrontar como o facemos con todos, tentando ver onde lles podemos facer dano, tentando mellorar os puntos débiles que podemos ter nós".

Asegura que os seus futbolistas están centrados "no que adestramos, no que traballamos, en estar ao 100%, o mellor preparados posible para afrontar o partido con garantías".

O técnico vasco advirte que "nós temos sempre a mesma idea de atacar, tentar presionar arriba, ser protagonistas. Non sempre nos funciona porque hai un rival que cho pon difícil e quere contrarrestar as túas armas. Tentaremos impornos aínda que será moi difícil porque teñen un plantillón pero a idea é manternos na nosa idea".

Se a pasada fin de semana, con motivo da visita do Real Madrid Castilla, ABANCA-RIAZOR foi o 5º estadio en todas as categorías do fútbol español con 26.745 afeccionados, só superado polo Santiago Bernabéu, San Mamés, Sánchez Pizjuán de Sevilla e Mestalla, mañá Os Nosos estarán arroupados nas bancadas do Estadio Reino de León por máis de 1.300 afeccionados.

O equipo desprázase mañá mesmo pola mañá a León e regresará após o partido para adestrarse de novo na Cidade Deportiva o luns 20 de marzo a partir das 10:30 horas.