O Dépor concluíu cun gran partido que acabou en empate (1-1) ante o Málaga CF 7 días frenéticos con igualada en Gijón o sábado 28 de marzo e triunfo en ANOSACASA ante o Córdoba CF o martes 31.
Antonio Hidalgo cre que "foi o mellor partido do ano especialmente en ABANCA-RIAZOR".
Este resultado deixa a Os Nosos con 60 puntos na 2ª posición, á espera do que faga a UD Almería (3º con 58 puntos) este domingo no seu estadio ante o CD Leganés.
Respecto ao encontro do pasado martes 31 de marzo ante os cordobeses entraron no once Ximo Navarro por Dani Barcia, Villares por Riki, Luismi Cruz por Patiño e o canteirán Bil por Mulattieri.
O partido empezou con presión alta dos dous equipos.
O primeiro disparo a porta do partido foi de Chupe aos 9 minutos, moi alto. O malagueño recolleu un despexe da defensa deportivista ao saque de esquina.
"Nalgúns minutos custounos axustar a presión pero a partir dese momento merecemos con fartura a vitoria", admitiu o técnico deportivista.
O primeiro do Dépor foi para Altimira ao cuarto de hora após unha boa xogada persoal. O seu disparo saíu desviado.
O arreón seguinte foi do Dépor. Ximo Navarro rouba un balón en zona de tres cuartos, plántase na frontal da área pero xuta moi alto.
Pouco despois, o colexiado do encontro, Arcediano Monescillo, anulou un gol a Stoichkov por fóra de xogo do dianteiro deportivista. O VAR confirmou a decisión do xuiz de liña.
De novo Ximo Navarro, á saída dun córner en curto, remata moi alto con todo a favor desde a frontal da área.
O final do primeiro tempo foi do Dépor, cun espléndido disparo de volea desde case 40 metros de Quagliata que sacou Herrero nunha gran parada, con outro remate de Altimira case de socato que volveu desviar o meta malaguista, e cunha sucesión de saques de esquina con constante perigo.
Así se chegou ao descanso. ABANCA-RIAZOR despediu a Os Nosos cunha gran ovación.
Após o paso polos vestiarios, de novo tivo Quagliata o gol nas súas botas pero o seu chute marchouse alto.
No 57, de novo Arcediano Monescillo anulou un tanto a Stoichkov, que rematou de tacón á rede, porque o balón pasara a liña de fondo antes de chegar ao dianteiro andaluz.
Antonio Hidalgo dá aire fresco en ataque coa entrada de Yeremay e Mulattieri por Stoichkov e Bil.
O dianteiro italiano a punto estivo de marcar practicamente no seu primeiro balón pero o seu disparo de socato ao bordo da área pequena após unha gran deixada de Mario Soriano sácao a defensa andaluza in extremis.
Pouco despois, un centro chute de Yeremay sácao un defensor do Málaga CF case na mesma liña.
Sen respiro, Altimira encara ao seu par e o seu remate raso márchase rozando o poste dereito andaluz.
ABANCA-RIAZOR empuxaba como nas grandes tardes.
"En primeira liña de presión estivemos moi acertados, con moita esixencia da xente de arriba, empezando con Bil e Stoichkov e logo Yere e Samuele. Foi de moitísimo desgaste. É certo que nos últimos minutos houbo algunha situación que podiamos axustar pero se queres gañar o partido tes que arriscar e os nosos en campo aberto atópanse cómodos", explica o preparador branquiazul.
Respondeu o Málaga CF cun chute de Joaquín que, após tocar nun defensor deportivista, estrelouse no pau esquerdo da portería de Ferllo.
Pero chegou o gol do Dépor. Gran pase de Altimira ás costas da defensa andaluza e Mulattieri define no man a man ante Herrero. Corría o minuto 74.
Sen merecelo empatou o Málaga CF no minuto 80 á saída dun córner que rematou raso Niño entre un bosque de pernas.
O Dépor tratou por todos os medios de marcar o 2º con chegadas polas dúas bandas, con Quagliata e Altimira especialmente, pero a defensa andaluza mostrouse firme.
"Vaste con 1 punto cando mereces 3", concluíu Antonio Hidalgo.
Deportivo: Ferllo, Ximo Navarro, Lucas Noubi, Loureiro, Quagliata, Villares (Riki, min. 84), Mario Soriano, Luismi Cruz (Charlie Patiño, min. 84), Alti, Stoichkov (Yeremay, min. 62) e Bil (Mulattieri, min. 62)
Málaga CF: Herrero, Puga (Víctor, min. 84), Juanpe (Ramón, min. 75), Chupe, Larrubia (Niño, min. 75), Joaquín, Murillo, Montero, Izan (Rafa, min. 75), Rafita e Aarón Ochoa (Dorrio, min. 66)
Árbitro: Dámaso Arcediano, do comité castelán-manchego. Amoestou a Puga (min. 43), Izan (min. 73), Mulattieri (min. 75), Murillo (min. 87) e Alti (min. 90)
Goles: 1-0 Mulattieri (min. 74); 1-1 Niño (min. 79)
Incidencias: partido correspondente á 34ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 28.423 espectadores, marca de asistencia na categoría. Nos prolegómenos do partido o Hockey Club Liceo recibiu sobre o céspede o agarimo de ANOSAFORZA após proclamarse campión da Copa del Rey
