O Dépor ABANCA logrou o primeiro obxectivo marcado da temporada, a salvación matemática, sen nin sequera xogar o seu partido correspondente a esta 25ª xornada, este domingo 5 de abril ás 12:00 (Dazn, GOL, TEN e TVG) na Cidade Deportiva Alcalá de Henares ante o Atlético de Madrid.
As Nosas logran un fito na súa historia ao alcanzar a terceira temporada consecutiva na máxima categoría do balompé feminino nacional.
Un logro que fala de esforzo, constancia e un compromiso inquebrantable.
Detrás de cada punto, de cada partido, hai un gran traballo silencioso, un sacrificio e unha paixón que non entende de límites.
A falta de 5 partidos, 15 puntos en xogo, para o Alhama CF, que caeu este sábado 4 de abril coa Real Sociedad e que marca agora mesmo a posición de descenso, as branquiazuis teñen 17 puntos de vantaxe.
Así pois, o Dépor ABANCA saltará ao campo da Cidade Deportiva Alcalá de Henares coa tranquilidade do deber cumprido, pero tamén co orgullo de quen loitou cada minuto para gañarse ese dereito.
Non só celebran As Nosas unha salvación. Celebran un camiño, unha identidade e un futuro que segue crecendo.
Este equipo xa demostrou que non só quere estar, senón quedar... e seguir facendo historia.
A partir de agora, tal e como advertiu Fran Alonso na súa rolda de prensa previa, "somos un equipo que o constante crecemento forma parte do noso ADN. Porémonos un novo obxectivo".
