RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Un Dépor ABANCA que necesita "estar ao noso mellor nivel" visita este domingo 5 de abril ao Atlético de Madrid, "un equipo peligrosísimo"

O Dépor ABANCA visita este domingo 5 de abril ás 12:00 (Dazn, GOL, TEN e TVG) ao Atlético de Madrid na Cidade Deportiva Alcalá de Henares.

As Nosas chegan a este encontro antes dun novo parón de dúas semanas polos compromisos das seleccións nacionais en 12ª posición con 26 puntos despois da vitoria ante a SD Eibar a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR.

Fran Alonso asegurou na rolda de prensa oficial que ao equipo veo "ben, con moita confianza. Tivemos a mala experiencia co partido en Granada pero puidemos xogar pronto. Partido de luns a sábado. Logramos a vitoria que foi moi importante para nós, sobre todo remontando un resultado que se nos puxo en contra aos 8 minutos".

Insiste en que no vestiario branquiazul hai "ganas de enfrontarnos ao Atlético de Madrid que é un rival diferente ás dúas veces que nos enfrontamos en canto a modelo de xogo".

O técnico deportivista advirte que as colchoneiras forman un conxunto "peligrosisimo. Temos que estar ao noso mellor nivel e aínda así vai ser moi difícil competir contra elas".

É baixa para o partido por lesión Millene Cabral.

O vestiario do Dépor ABANCA recibiu esta semana as citacións internacionais de Inês Pereira con Portugal, Espe Pizarro con Uruguai, e as canteirás Lucía Rivas e Redru con España sub-19.

Pola súa banda, o Atlético de Madrid, que a pasada fin de semana superou en Lezama (1-2) ao Athletic Club, é 5º na táboa con 41 puntos.

O partido da primeira volta disputado en ABANCA-RIAZOR o pasado 19 de outubro acabou con empate (1-1), con tanto deportivista obra de Millene.

No seu campo esta temporada o equipo branquivermello venceu ao Real Madrid CF (2-1), Levante UD (4-0), Alhama CF (4-0), FC Badalona Women (2-0) e DUX Logroño (5-0); empatou co Athletic Club (1-1), Sevilla FC (2-2), Real Sociedad (5-5), Granada CF (1-1) e Madrid CFF (0-0); e caeu co FC Barcelona (0-6) e RCD Espanyol (0-1).

As Nosas realizaron este sábado 4 de abril ás 10:45 no Dépor Training Center unha última sesión de adestramento antes de partir de viaxe con esta folla de ruta:

Sábado 4 de abril
13:35: Saída do autocar a Alcalá de Henares
20:30 (hora aproximada): Chegada e aloxamento no Hotel AC Alcalá de Henares

Domingo 5 de abril
12:00: Atlético de Madrid - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva Alcalá de Henares
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

Finalizado este primeiro partido do mes de abril o Dépor ABANCA adestrarase de novo o martes 7 de abril ás 10:30 no Dépor Training Center.