RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

O Dépor empata co Mallorca e accede a cuartos de final da Copa do Rei

O Deportivo accedeu esta noite a cuartos de final da Copa do Rei ao empatar (1-1) en Riazor ante o Real Mallorca. Desta forma, o equipo deportivista fixo valer o 1-2 cultivado na ida no Ono Estadi, resultado que deixou marcada xa a eliminatoria.

Pero houbo que sufrir, e moito, ante o equipo balear, recuperado nos últimos días precisamente á conta do líder, o Sevilla, ao que derrotou en partido de Liga disputado en Nervión tres días antes de xogar na Coruña. De entrada, saíu mellor situado o Mallorca, que acantoou ao Deportivo no seu propio campo. Non había abafos, pero si presión balear. Arango, un especialista en marcar goles na Coruña, facía das súas e a defensa deportivista, tivo que empregarse a fondo. Aínda así, Jankovic, no minuto 23, facía de chute afastado e colocado, o 0-1. As alarmas acendíanse en Riazor. O centro do campo deportivista, Sergio e Verdú como pivotes, con Barragán e Filipe polas bandas, apenas tiña o balón e Taborda e Adrián non recibían en condicións. A raiz do tanto visitante, e a pesar de que a eliminatoria era aínda do Deportivo, o Deportivo pasa os peores minutos. No entanto, aos poucos, o Mallorca afrouxa e os branquiazuis equilibran a contenda ata o descanso.
Na segunda metade, Caparrós senta a Rodri de inicio, baixa a Filipe ao lateral zurdo e sitúa a Riki no carril. O Deportivo xa foi outro. O Mallorca apenas creou perigo, aínda que en calquera xogada podía pór a eliminatoria en franquía. Pero chegou a xogada clave do partido. Taborda prolonga un pase longo desde a defensa e habilita para que Riki corra en solitario cara á meta Moyá. Ballesteros decide xogarse o todo polo todo e derruba ao dianteiro deportivista, quizais coa esperanza de que Undiano Mallenco non aprecie a xogada. Ao final, cartón vermello ao defensor balear e penalti claro que Sergio transforma no 1-1 que devolvía a tranquilidade momentánea á bancada. Xa con dez homes, o Mallorca só creou perigo con balóns colgados á área que resolveu ben a zaga deportivista, especialmente Lopo, que volvía ao equipo facendo ademais un gran partido. Os minutos finais deixaron para a historia o debut de Iván Pérez en partido oficial co primeiro equipo e o segundo partido que xoga Adrián López, o central fabrilista, que é ademais un dos canteiráns que máis segue Joaquín Caparrós.