
O Dépor gaña ao pechacancelas Sevilla no medio dun monumental escándalo (1-3)
O Correo Galego publica:O Deportivo gañou, por fin, lonxe de Riazor, e fíxoo ante o último clasificado de Primeira División, o Sevilla, que terminou o partido reconvindo a actuación do colexiado asturiano Mejuto González, que anulou senllos tantos dos sev
Sevilla: Olsen, Héctor, Marchena, Hibic, Nando (Jesuli, min. 46), Quevedo, Anxo, Juric, Juan Carlos (Otero, min. 65), Zalayeta e Tsartas.
Deportivo: Songo'ou, Manuel Pablo, Donato, Naybet, Schurrer, Mauro Asubía, Flavio (Jaime, min. 67), Víctor, Jokanovic, Turu Flores (Djalminha, min. 87) e Makaay (Scaloni, min. 88).
Goles: 0-1, min. 11: Jokanovic. 0-2, min.13: Jokanovic. 1-2, min.18: Juan Carlos. 1-3, min.85: Makaay.
Árbitro: Mejuto González (Colexio asturiano). Mostrou cartolinas amarelas a Nando, Marchena, Juan Carlos; Naybet, Mauro Silva, Flavio, Jokanovic.
Campo: Sánchez Pizjuán cunha entrada aproximada de 40.000 espectadores.
O partido presentábase con resultado incerto. A pesar de que se enfrontaban o primeiro e o último, o que a priori debería significar unha clara superioridade para o Deportivo. Pero as circunstancias especiais das últimas xornadas non auguraban un prognóstico tan claro, como se confirmou no transcurso do partido, a pesar de que, ao final, gañou o mellor.
Tanto Sevilla como Deportivo chegaban ao encontro coa mosca detrás da orella debido ás criticables actuacións arbitrais das últimas xornadas. Sevillanos e deportivistas son dos equipos máis prexudicados polas decisións dos colexiados ao longo da tempada, polo que onte a actuación do colexiado Mejuto González sabíase que ía medirse con lupa. Ao final, os únicos que tiñan pretexto para queixarse foron os locais e armouse no Sánchez Pizjuán.
Pero pasaron moitas cousas antes de que isto acontecese, empezando polo bo xogo do Deportivo, algo case xa esquecido desde facía moitas xornadas. Sen dúbida, a efectividade de Jokanovic ante a portaría contraria, con senllos cabezazos á rede no primeiro cuarto de hora, serviron para asentar os ánimos dos xogadores de Javier Irureta, que xa nin se acordaban da última vez que comezaran marcando xogando como visitantes.
Con todo, o Sevilla tamén acertou coa portaría contraria moi pouco despois do segundo gol do balcánico, polo que o partido quedou definitivamente lanzado e aberto, con máis de setenta minutos por diante para decidir o resultado final. A afección sevillana, sensibilizada co seu equipo, soubo pór a guinda desde a bancada e púidose vivir un encontro incerto e moi emocionante.
O mal estado do terreo de xogo tras as treboadas das últimas horas caídas en todo o país, propiciou que se cometesen numerosas imprecisións nos pases, o que aumentou aínda máis o estado nervioso de todos os protagonistas, que houbo momentos que non sabían ben se irse cara adiante ou gardar a súa portaría. O fútbol era malo, pero moi entretido.
O Sevilla, que saíra asustado ante a importancia dos puntos, foi recompóndose co paso dos minutos e, tras o tanto de Juan Carlos, fíxose co balón, presionando e ameazando a solvente defensa branquiazul, na que Schurrer ocupaba circunstancialmente o lateral esquerdo ante a ausencia de Romeu. O arxentino cumpriu na súa tarefa de frear a Juan Carlos a pesar de que o cordobés anotou o único gol sevillista.
O Deportivo decidiu entón que o mellor era pechar filas e confiar no contragolpe letal que os seus futbolistas levan dentro para sentenciar o partido. Turu Flores apenas abandonaba a banda esquerda, desde onde sempre sabía buscar o para servir a Makaay. O holandés mantivo un bonito duelo con Marchena, que na primeira parte tivo que xogarlla cando Rolin dispúñase a disparar a porta.
A polémica chegou ao bordo do descanso. Antes non se produciron xogadas especialmente dificultosas para o árbitro, pero tras un rexeite de Songo'ou, Héctor levou o balón á rede. No medio do delirio local, o colexiado Mejuto González decidiu anular o tanto por falta ao porteiro, o que acendeu a faísca no Sánchez Pizjuán, fresco na memoria o tanto anulado sete días atrás en Bilbao.
O segundo tempo foi unha prolongación do que se viu no primeiro. Dominio sevillista, con frecuentes chegadas á área de Songo'ou, pero escasa efectividade. Zalayeta confirmouse como un ariete complicado de marcar e súa foi a mellor ocasión sevillana do segundo tempo, que tivo que salvar con apuros Manuel Pablo baixo os paus. Makaay só en punta, continuaba ameazando a portaría rival. Case ao final, un novo gol anulado por fóra de xogo desatou as iras dos afeccionados.
Na seguinte acción, Makaay marcaba o gol da sentenza e a partir de aquí só se pode falar de incidentes. Os que se produciron á retirada dos protagonistas, con choiva de todo tipo de obxectos e os que continuaron con carga policial e ameaza de invasión dos vestiarios polos airados afeccionados sevillanos. O Depor exerceu de líder e mantén a súa vantaxe sobre os seus perseguidores, referendando a súa recuperación coa chegada da primavera.