RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor mereceu máis en El Prado (1-1)

O Deportivo sumou un punto na súa visita ao Estadio Municipal El Prado, feudo dun CF Talavera de la Reina ao que foi superior no global do partido a pesar de realizar unha frouxa primeira metade. Os deportivistas, que se toparon coa madeira xa co 1-1 no marcador, superaron en todas as facetas a un rival que apenas lles puxo en problemas pero que transformou en gol a mellor e practicamente única ocasión que tivo en todo o partido.

Borja Jiménez, técnico branquiazul, realizou unha única modificación con respecto ao once presentado o pasado domingo ante o DUX Internacional de Madrid. Diego Aguirre, sancionado por acumulación de amoestacións, deixou o seu sitio no lateral dereito ao recentemente incorporado Antoñito, que deste xeito debutou coa elástica branquiazul.

Un tiro desviado do ex deportivista David Añón, no minuto 4, abriu o capítulo de accións de perigo. Non pasaran 60 segundos dese disparo cando William foi atropelado por Víctor Ruiz cando se dispuña a entrar na área pola liña de fondo. Incomprensiblemente, o colexiado non castigou a acción con cartón amarelo.

O Dépor tiña a pelota pero profundaba con perigo con contagotas. Ao cuarto de hora, Juergen Elitim disparou raso en boa posición, após recibir o coiro desde a liña de fondo de pés de Villares. O seu zurdazo rexeitouno a defensa local. Dous minutos despois, Héctor Hernández centrou por baixo, Quiles anticipouse a Bourdal, un dos numerosos ex deportivistas no bando local, e o seu suave toque raso coa esquerda non sorprendeu a un ben colocado Edu Sousa, que completaba a nómina de ex branquiazuis xunto ao adestrador Manu Mosquera.

Preto da media hora, o CF Talavera de la Reina pediu penalti nun despexe a córner de Jaime en prancha após centro de Góngora. Aos 40 minutos, Pablo Monroy cabeceou moi desviado un balón bombeado após unha longa acción de ataque do conxunto toledano iniciada nunha falta lateral. Foi un aviso do extremo dereito local, que no minuto 42 adiantaba no marcador ao seu equipo ao cabecear cruzado no segundo pau un centro de David Añón.

O equipo herculino non veuse abaixo e estivo a piques de empatar no tempo de prolongación nunha acción a balón parado. Juergen lanzou un córner ao segundo pau onde Diego Villares, completamente só, bateu co seu pé dereito. Edu Sousa rexeitou a pelota milagrosamente e en segunda instancia o propio volante deportivista enviou a pelota fóra.

A pesar de que non transcorreran nin 10 segundos da segunda metade cando Rodrigo probara fortuna cun disparo afastado desviado, o Dépor deixou claro que saía con outra cara após o paso polos vestiarios. O colofón a cinco de minutos de monopolio de posesión foi o tanto do empate. No minuto 50, Álex Bergantiños meteu un balón interior para Quiles, que controlou coa esquerda e rematou velozmente coa dereita, axustado ao pau esquerdo da meta local, para igualar a contenda. Foi o tanto número 16 de Quiles no que vai temporada. Ningún xogador deportivista anotaba tantos goles desde que Quique González fixo esa mesma cifra no curso 2018-2019 en Segunda División.

O dominio deportivista fíxose máis patente co paso dos minutos ante un CF Talavera de la Reina que apenas volveu dar sensación de perigo ante a portería defendida por Ian Mackay.

Así, as ocasións coruñesas sucedéronse. No minuto 53, nun veloz contragolpe con cambio de orientación para William, que nun contra un co seu par disparou contra as súas pernas e o balón foise rozando o pau dereito. No 56, Quiles recibiu en profundidade de William e rematou a pelota coa punteira indo ao chan, pero Bourdal rozouna e foise a córner. No 61, de novo Quiles acariñou o gol, cando após unha gran acción individual de Mario Soriano finalizouna cun tremendo dereitazo que se estrelou na mismísima cruceta.

Esta ocasión deu paso a un longo tramo de encontro marcado polos numerosos cambios, abundantes atencións por lesión e interrupcións, que cortou de raíz o ritmo de partido que conducía inexorablemente ao Dépor cara á vitoria.

Non foi até o minuto 83 cando o Deportivo volveu ver de preto a portería de Edu Sousa. Unha gran triangulación entre Juergen, Rafa De Vicente e Villares acabou nun pase da morte do vilalbés, en boa posición para tentar finalizar a xogada, que cortou un defensa. Acto seguido, Quiles rematou á media volta un balón solto despois dun centro á área de Héctor Hernández. No minuto 87, unha vez máis Quiles dispuxo dunha opción. Góngora despexou mal un cambio de orientación de Yeremay e o coiro quedou a pés do goleador branquiazul, que viu moi adiantado a Edu Sousa. O onubense tentou colocar o esférico por riba do porteiro tudense, que respondeu enviando a córner.

O colexiado engadiu seis minutos debido aos numerosos paróns, pero a pesar de ter o control case total da posesión, os deportivistas non foron capaces de fabricar máis opcións de gol e o partido concluíu con empate a un gol.

Con este resultado, o Deportivo mantense na segunda posición, a 13 puntos do líder, o Real Racing Club de Santander, e con 3 de vantaxe sobre o terceiro clasificado, o Racing de Ferrol, a falta da decisión do Xuíz Único de Competición sobre a aliñación no partido ante os coruñeses de dous futbolistas do Athletic Club B, Artola e Diarra.

CF Talavera de la Reina: Edu Sousa, Choco, Víctor Ruiz, Bourdal, Góngora, Pablo Monroy (Jordi Martín, min. 72), Jordi Ortega, Vicente (Toño Calvo, min. 62), David Añón (Dani Pichín, min. 72), Christian Perales (Adighibe, min. 72) e Rodrigo (Escalante, min. 88).

RC Deportivo: Mackay, Antoñito (Rafa de Vicente, min. 74), Lapeña, Jaime, Héctor Hernández, Diego Villares, Álex Bergantiños, Juergen Elitim, Mario Soriano (Miku, min. 84), Quiles e William (Yeremay, min. 72).

Goles: 1-0 Pablo Monroy (min. 42); 1-1 Quiles (min. 50).

Árbitro: Campos Salinas (c. murciano). Cartón amarelo a Choco (min. 21), Jaime (min. 38), Vicente (min. 52), Toño Calvo (min. 90+5) e Jordi Martín (min. 90+6).

Incidencias: partido correspondente á 33ª xornada do grupo 1 de Primeira RFEF disputado no Estadio Municipal El Prado con numerosos afeccionados deportivistas nas bancadas.