RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Deportivo céntrase de cara á UD Sanse nas "cousas que mellorar", pero tamén en "seguir facendo cousas ben"

O Deportivo realizou esta mañá unha nova sesión de traballo en Abegondo xa con todo o cadro sobre o céspede salvo Borja Granero e Adrián Lapeña, ambos con adestramento personalizado. Este último defensa, expulsado en Valdebebas o pasado domingo, será baixa por este motivo para a visita do UD San Sebastián de los Reyes a ABANCA-RIAZOR, prevista para o sábado 29 ás 19:00 horas (TVG-2 e InSports.tv), correspondente á 10ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

Un dos futbolistas que mellor coñecen en Abegondo a Óscar Cano, Rubén Díez, explicou esta mesma mañá en rolda de prensa que "despois de ver o partido (ante o Real Madrid Castilla) e de analizalo, está claro que temos cousas que mellorar, pero igual que o partido anterior cando se gañou".

Ademais, o atacante branquiazul asegura que "o equipo está mentalizado en que hai que seguir facendo cousas ben porque o outro día a pesar da derrota fixéronse moitas cousas ben. Certos detalles que non caeron do noso lado foron os que decantaron o partido. Hai que seguir traballando na liña que estamos a facer ultimamente".

Baixo estas premisas, o corpo técnico branquiazul, despois dun quecemento con rondos, dispuxo hoxe unha tarefa de finalizacións e transicións; e un partido a tres cuartas partes de campo. Óscar Cano 'acompañou' literalmente aos seus xogadores nalgunhas das accións impartindo as pertinentes instrucións.

Dani Barcia e Brais Val foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Mañá xoves haberá un novo adestramento, a partir das 10:30 en Abegondo.