RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril, que recupera a Diego Gómez, celebra os seu 110 aniversario coa visita a Abegondo mañá do poderoso Ourense CF

O Fabril, que este pasado mércores cumpriu 110 anos de historia, mídese mañá domingo 25 de febreiro ás 12:00 en Abegondo (Youtube RC Deportivo) ao potente Ourense CF, en choque correspondente á 24ª xornada no subgrupo 1º de Segunda Federación.

O filial deportivista, após caer a pasada fin de semana pola mínima ante a SD Compostela (1-0) no Estadio Vero Boquete de San Lázaro, é 12º na táboa con 27 puntos.

Diego Gómez (na foto da noticia) volve a unha lista despois da súa longa lesión que o tivo varios meses á marxe e mesmo lle obrigou a pasar por quirófano. "Sempre que se incorpora un xogador, sobre todo que leva meses lesionado, evidentemente é unha boa noticia para todos, primeiro para o grupo e despois para o corpo técnico, porque sempre temos máis capacidade de elección", manifestou en rolda de prensa Óscar Gilsanz.

Tamén está Kevin Sánchez após a súa concentración coa selección española sub-19 durante a pasada semana. O dianteiro fabrilista participou en dous amigables ante Noruega no Estadio Guillermo Amor de Benidorm. No segundo deles foi titular e marcou o gol do triunfo dos españois.

O preparador fabrilista subliñou ante os medios de comunicación que "todo suma á causa do Dépor. É dicir, que cada vez haxa máis xogadores no primeiro equipo, que cada vez haxa máis xogadores que estean a ser convocados para as seleccións inferiores é unha boa noticia para o Club e para o crecemento do Club en todos os aspectos. Aínda que agora todo o mundo fala máis da canteira que noutras épocas, é bo destacar sempre que o traballo que se fai aquí o recoñecemento ás veces vén con resultados da propia canteira, outras veces vén con xogadores que chegan ao primeiro equipo, que é o verdadeiro obxectivo, e outras veces tamén vén co recoñecemento por parte da selección española nas categorías inferiores".

A dianteira fabrilista a completa Martín Ochoa, que volve ao Fabril despois de adestrar toda a semana ás ordes de Imanol Idiakez. Precisamente o técnico vasco manifestou onte en rolda de prensa que "está no radar porque é un xogador que o temos na cabeza e que é noso, como todos os xogadores do Fabril. Aquí traballamos todos para o Dépor. Traballa o día a día connosco. Cando temos claro que vai ir a fin de semana co Fabril deixámolo adestrar con eles as previas para que tamén estea adaptado ao que fan, á súa preparación de partido. Pero por suposto que Martín é un xogador do Dépor que temos moi en conta".

O xuvenil Manu Berrocal, ademais do citado Kevin, completa a convocatoria.

Na primeira volta disputada no Municipal de Oira o pasado 15 de outubro venceron os ourensáns (1-0) con gol de Salinas no minuto 52.

Actualmente o Ourense CF, que a pasada fin de semana empatou (0-0) en Zamora e que se acaba de reforzar co dianteiro centro arxentino Gonzalo di Renzo, é 2º na táboa con 47 puntos, a 2 do líder, o Pontevedra CF.

Lonxe do seu campo, o conxunto que dirixe Rubén Domínguez gañou á SD Compostela (0-1), Real Valladolid Promesas (0-1) e CD Cayón (1-3); empatou co Rayo Cantabria (0-0), Arandina CF (0-0), Racing Villalbés (1-1), Real Oviedo Vetusta (0-0), Marino de Luanco (0-0), CD Covadonga (2-2) e o citado en Zamora (0-0); e perdeu unicamente co Coruxo FC (2-1).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva para o partido.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

A xestión pode realizarse até completar o aforamento. 

Tamén está habilitado o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

 

/* Bot imbee */