A Fundación RC Deportivo colabora con ASFAPE (Asociación de Familias con Perthes) na súa campaña #MeteUnGolAlPerthes.
Cada 17 de xaneiro ASFAPE (Asociación de Familias con Perthes) celebra o día de concienciación da enfermidade de Perthes e para visibilizarlo propoñen diferentes iniciativas, como involucrar aos colexios, ou iluminar fachadas de edificios públicos de verde; unha petición á que se van sumando cada ano decenas de concellos. Este ano, quixeron poñer o foco nos clubs deportivos, en especial, nos clubs de fútbol, xa que unha das primeiras e máis impactantes noticias que reciben a maioría de diagnosticados coa enfermidade é a prohibición de xogar ao fútbol.
A enfermidade de Legg-Calvé-Perthes é unha necrosis avascular na cabeza do fémur causada pola falta de rega sanguínea. A súa orixe é descoñecida. Afecta aproximadamente a 1,5 de cada 10.000 nenos, sendo por tanto unha enfermidade rara. Preséntase máis en homes (por cada 4 nenos, 1 nena), de idade entre os 3 e 12 anos pero cunha maioría ao redor dos 6-8 anos. Unha idade na que a maioría comeza a inscribirse nos clubs deportivos locais, fútbol, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis, etc. E é nese momento cando a prohibición de practicar deportes de impacto provoca maior conmoción nos nenos; ven obrigados a deixar unha actividade que eles mesmos elixiron, onde gozan xunto a outros amigos, sen ter aínda a madurez suficiente para asimilar que as enfermidades son parte da vida. Na maioría dos casos, é unha afección temporal que dura entre 5-6 anos de media, e en todo o proceso as limitacións van variando, pero a frustración e a rabia que senten no momento no que se lles prohibe facer tantas cousas cotiás, como saltar e correr, fan que a carga psicolóxica que sofren eses nenos e as súas familias sexa unha das principais dificultades ás que se enfrontan.
O síntoma máis común adoita ser unha coxeira que remite con antiinflamatorios pero volve aparecer, rixidez na cadeira, restrición de movemento, ou dor na ingua, coxa ou xeonllo. Ademais do aspecto físico, a enfermidade de Perthes leva unha gran carga psicolóxica que afecta á vida familiar e social, non só do propio neno afectado, senón de toda a súa familia. Os nenos con Perthes non deben correr, saltar ou facer deportes de impacto, actividades tan comúns na infancia.
A maioría dos e as nenas da asociación, son futboleir@s, e seguen moi de preto aos seus equipos, non se perden nin un partido, tanto no campo como na televisión, e é por iso que este ano quixeron involucrar aos clubs de fútbol no día de concienciación da enfermidade de Perthes.
Ademais da comunicación a través das canles do Club, nenos e familias da Asociación estiveron en ABANCA-RIAZOR no partido contra o Rayo Majadahonda e algúns deles tiveron a oportunidade de facerse unha foto co equipo ao saltar ao terreo de xogo.
Máis información sobre ASFAPE e a enfermidade rara de Perthes en https://asfape.org/
