Diego Villares e Jose Ángel pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.
O centrocampista de Vilalba, un dos capitáns do equipo, ve "normal" o enfado de #ANOSAFORZA porque "non terminamos de encadear esa regularidade que necesitamos para coller confianza e para que a xente se enganche de verdade".
Cre que "tivemos ocasións para gañar pero estamos a ver que non nos está chegando con crear tantas oportunidades. Hai que ter máis calma nos metros finais".
Diego Villares, goleador hoxe no seu partido 100 oficial co Dépor, desvela que o ánimo está "un pouquiño apagado como é normal despois deste empate porque queremos os 3 puntos".
Pola súa banda, Jose Ángel tamén entende a reacción de #ANOSAFORZA despois do partido: "Estamos en débeda con eles. Non estamos a dar o que recibimos de parte deles. Outro partido máis que se escapa. Fixemos un partido serio, tivemos bastantes oportunidades de cara ao gol. Nos metros finais fáltanos esa paciencia de dar ese bo último pase, ese bo remate. É o que nos está faltando porque o equipo está a ter chegada, estamos a recibir poucas ocasións. Agora estase dando desta maneira e é o que hai".
Ao seu xuízo, "non estamos a meter as que temos e estannos metendo as poucas que está a ter o outro equipo. Calquera persoa está a darse conta da situación. Este partido repetiuse moitas veces, sobre todo aquí en ABANCA-RIAZOR, poucas ocasións do equipo contrario que son materializadas e moitas nosas que non o son. Son datos. Temos poucos goles a favor e é o que hai que mellorar".
Finalmente confesa que o ánimo está "mal. Agora mesmo estás quente, tocado e estás mal. Traballas diariamente, tentas que as cousas saian ben e o día do partido, que é o día máis importante da semana, non ves recompensado o teu traballo cos puntos que mereces. Hai que manterse forte, non queda outra. Hai que seguir tentándoo, resistir e non hai máis".