RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Óscar Cano cre xusta a vitoria do CD Badajoz e espera que "fose o día parvo que adoitan ter os equipos"

Óscar Cano manifestou na sala de prensa do Cívitas Novo Viveiro que "o CD Badajoz foi xusto vencedor. Non nos atopamos en ningún momento no campo. Non parecía o meu equipo. Non dou crédito ao que vin e non podemos poñerlle panxoliñas á imaxe que demos. Non lembro un equipo meu facelo tan mal, tan rematadamente mal durante tantísimos minutos. Hoxe o fútbol foi xusto. O Badajoz mereceu gañar o partido antes do minuto no que o conseguiu. Non nos encontrabamos, moitos pases errados, controis... Non lembro un achegamento a portería. Estivemos absolutamente ridículos. Quitando a 3 ou 4 xogadores parecía que nos meteron aos curmáns dos que compoñen o meu cadro. Non parecía o equipo que viña competindo nestas xornadas".

O técnico branquiazul conclúe que "o Deportivo non estivo hoxe aquí no Nuevo Vivero".

Desvela que o vestiario está "cabizbajo, en silencio. Eles son conscientes de que hoxe non saíu nada e non puidemos competir. Hoxe calquera equipo gañarianos. Foi unha cousa realmente estraña porque eu non lembro un equipo meu facer un partido tan frouxo e tan malo. A tragar veleno, a aguantar todos os paus que nos teñen que caer e o domingo a tentar facelo da mellor maneira posible para tentar esquecer canto antes este ridículo espantoso que fixemos hoxe".

Non atopa explicación ao ocorrido e si son "partidos que se dan. Hoxe non nos atopamos. A formulación é o mesmo. Tratamos de levar o peso, de ter o balón, pero nin gañabamos duelos, nin estivemos conectados co partido. Foi un ambiente moi raro, a xente non se atopou. Non pareciamos o Dépor. Fomos un equipo doutra categoría inferior. Imos esperar que fose o día parvo que adoitan ter os equipos de cando en vez, tratar de esquecer rapidamente este día e o domingo tratar de competir da mellor maneira posible".

Sobre as baixas obrigadas de Olabe e Mario Soriano por sanción para o domingo, Óscar Cano advirte que "o cadro ten recursos suficientes para sacar un once de garantías en calquera lugar. Nos últimos minutos estabamos a defender ben pero na última acción deixamos sacar o centro e tragámonola no segundo pau. Imos ver como está o parte de guerra e a tratar de recuperarnos canto antes sobre todo a nivel mental porque temos un óso duro en ABANCA-RIAZOR. Vén o Racing de Ferrol e temos que reaccionar rápido".