RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Óscar Cano promete "seguir insistindo en busca desa sorte que nos permita sumar de 3 en 3 como visitantes"

Óscar Cano admitiu na sala de prensa do Estadio Reino de León que "nun club no que se esixe gañar cada semana polo tipo de club que somos, evidentemente cando caemos derrotados non se pasa unha boa semana, pero tamén é certo que tivemos varias posibilidades de adiantarnos: o pau de Quiles, Mario só contra contra o porteiro... e ao final non converter esporeou á Cultural e nunha fíxonos o gol. Hai que seguir traballando".

O técnico deportivista apunta que "eles empezaron moi ben o partido. Despois fomos capaces de controlar todo o que estaba a suceder. Tivemos moi bos minutos na primeira parte, fomos acredores de adiantarnos no marcador e na segunda parte hai unha ocasión moi evidente. O 70 por cento da portería está baleira e non se converteu. A partir de aí eles fan o gol e nós temos que ir modificando cousas, facendo cousas, tirar a xente arriba, tentar xerarlles problemas doutra maneira.".

"Se chegamos a converter calquera das opcións que tivemos igual estamos a facer unha rolda de prensa dicindo que o Dépor estivo ben. Este é o fútbol, a súa incerteza, a súa grandeza. Ás veces benefíciache e ás veces prexudícache", conclúe.

Asegura que o Dépor non baixou os brazos após o tanto da Cultural Leonesa: "Por sorte na actualidade hai unha chea de ferramentas que nos din os quilómetros, os esforzos e todo este tipo de cuestións e o equipo non baixou os brazos en ningún momento. É lóxico que cando encaixas o gol queiras ir rapidamente a por o empate e iso si que xera precipitación e un maior número de erros. Pero non lle pasa ao Dépor, pásalle a calquera equipo durante calquera partido nas circunstancias nas qu nos tocou convivir, sobre todo nos últimos 20, 25 minutos. Se de algo estou seguro deste vestiario é que ten por bandeira o traballo, a insistencia. Imos ver se somos capaces de atopar ese premio que sinceramente hoxe merecemos, en San Sebastián de los Reyes merecemos, na Línea merecemos. Son ocasións moi claras, non é dicir que son lanzamentos afastados que rozan o pau nin cousas así. Son situacións contra o porteiro e o porteiro nin sequera no centro da portería senón que está moi decantado cara a un pau. Son ocasións que dan no pau, no traveseiro o outro día na Línea. Imos seguir insistindo en busca desa sorte, desa fortuna que nos permita sumar de 3 en 3 como visitantes".

Pide agora "pasar o duelo, esta pequena dinámica de malos resultados e tratar de soltalo todo fóra a partir do mércores para preparar da mellor maneira o encontro contra o Celta B", do próximo domingo 26 de marzo ás 19:00 horas (TVG-2 e InSports.tv).