La Voz de Galicia
"Deportivo e Concello deben afrontar a urxente reforma de Riazor. Ambas as partes acelerarán un convenio que podería quedar pechado esta semana" titula o diario, que asegura que o Club non quere recibir ao Manchester nun piso de 300 metros cadrados e que Lendoiro visitará en breve os baixos de Riazor. O diario insiste, ademais, no agradecemento do Presidente branquiazul aos afeccionados polas súas mostras de agarimo.
O cambio de imaxe dos deportivistas, ou mellor, a recuperación da súa antiga imaxe por parte de case todos os xogadores branquiazuis salvo Schürrer, Ramis e Fran, e o inicio das vacacións, así como o cumprimento da promesa de Irureta, que fará o Camiño de Santiago proximamente ou a convocatoria dos xogadores polas súas seleccións e as distintas felicitacións recibidas son outras das novidades do día.
As desculpas de Scaloni á afección de Vigo e ao Celta polos seus cánticos en María Pita, a festa de ex-deportivistas como Pandiani, Manteiga e Lasarte e un exercicio de memoria, o diario fai un percorrido pola situación actual dos integrantes do Super Depor do 94, dez xogan en Primeira, dúas en Segunda e Tres en Segunda B. Catro son adestradores e onde estaban os flamantes gañadores de Liga hai 6 anos, Irureta adestraba ao Racing, Jaime, Iván, Ramis, Víctor e Fernando estaban no Madrid, Turu gañaba a intercontinental, Pauleta xogaba en Terceira...
Deporte Campión
A planificación do futuro do Club entre Javier Irureta e Augusto César Lendoiro ocupa as primeiras páxinas do diario, que asegura que xa están ao choio. O aumento de nivel esixido polas novas competicións será clave nesta planificación. Así mesmo fala o diario do adiamento do encontro de homenaxe á afección.
O Campión fala do posible mercado de fichaxes: Riquelme, Pandiani, Munitis, Álex, Valcarce, Rufete, Catanha...
O diario fala tamén de Fran, que entrou na lista de Camacho para a Eurocopa. O Campión di que tres coruñeses xa gañaron a Eurocopa no 64, Amancio, Luís Suárez e Marcelino. O rotativo fai unha entrevista homenaxe a Antonio Vázquez, o Xitano, masaxista do Deportivo desde hai 17 anos.
As felicitacións ao Club do COI, do CSD, dos colexios herculinos, do Delegado de Goberno á afección polo seu comportamento... así como o recoñecemento ao triplete do Deportivo, que o sitúa aínda máis na elite.
A celebración do título de Claudio, tamén tinguido, e o paso pola barbaría dos xogadores son outras das novidades....
Marca
"O Depor ten 44 xogadores e quere fichar polo menos outros 3. Dos cedidos quere repescar a Hélder" di Marca, que asegura que Pauleta soa en moitas operacións de fichaxes e que José Ramón decidirá se colga as botas. Di o diario que Romeu podería ampliar o seu contrato. En canto aos intereses do Club, di Marca que un central, un interior destro e un dianteiro son prioridade. Os 1.000 millóns por entrar na primeira liguiña de Champions que recibirá o Club e a inclusión do Deportivo como cabeza de serie, o que fará que non xogue na primeira rolda cos campións das distintas ligas é outra das novidades.
_________
Se les en internet algunha noticia relacionada co Deportivo, non dubides en enviarnos a dirección á nosa redacción: redaccion@canaldeportivo.com
__________
NOTA: A elaboración dun resumo de prensa por parte da redacción de canaldeportivo.com non implica que o Real Club Deportivo da Coruña, S.A.D. estea de acordo ou en desacordo coas noticias que nel aparecen, e non é o responsable dos contidos e opinións que se inclúan nas páxinas que o compoñen.