RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Shuto, Eito e Kaito finalizan a súa estancia na Coruña adestrando co Dépor e o equipo Genuine

Os tres xogadores xaponeses, Shuto Bingo, Eito Ishiguro e Kaito Sakai, nacidos en 2010, que pasaron as últimas semanas na Coruña grazas ao acordo de colaboración internacional entre o RC Deportivo, súa Fundación, e Wakatake Group, finalizaron onte a súa estancia na cidade e no Dépor.

A colaboración entre o RC Deportivo e Wakatake ten como obxectivo potenciar o desenvolvemento dos novos futbolistas xaponeses, utilizando como referencia a metodoloxía da Canteira do Dépor. Un acordo global bidireccional que inclúe diferentes áreas de colaboración no marco do desenvolvemento do fútbol base.

Shuto, Eito e Kaito tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a metodoloxía da canteira en Abegondo, combinando adestramentos individuais con adestramentos colectivos cos xogadores do Club. Unha experiencia inmersiva que vai máis aló do fútbol, xa que tamén tiveron a oportunidade de descubrir a cidade da Coruña e a súa cultura, aprender un pouco do noso idioma e sentir a paixón por un equipo coa nosa historia e afección. Para pór punto final á experiencia compartiron unha sesión de adestramento na Torre co equipo Genuine do Club, un final de adestramento do Dépor, con lanzamentos de falta xunto aos xogadores do primeiro equipo, que se encargaron de darlles os diplomas de recordo por esta experiencia inesquecible para eles e para o persoal do RC Deportivo que lles acompañou todo este tempo.

Wakatake Group é unha empresa xaponesa coa misión de contribuír ao desenvolvemento dos novos futbolistas na súa transición de nenos a adultos. Wakatake Group leva máis de 15 anos traballando en multitude de programas de desenvolvemento do fútbol xuvenil, con presenza en Europa, África, Asia e América. Estas experiencias internacionais contribúen ao crecemento do xogador e da persoa, tanto dentro como fose do terreo de xogo. Wakatake Group traballa seguindo unha fórmula probada: experiencias internacionais, educación holística e responsabilidade social. En 2019, preto de 1.000 mozos participaron nos programas que ofrece Wakatake Group: torneos internacionais, experiencias de alto rendemento con academias de clubs profesionais, programas residenciais individuais, programas de cooperación internacional, formación de adestradores e moitos máis.