RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Tarde sen goles no Vao (0-0)

O marcador non se moveu esta tarde no amigable que enfrontou ao Deportivo co Coruxo FC, conxunto de Segunda Federación, no campo do Vao, no terceiro partido da #DéporXiraAugadeParada, primeiro no que os branquiazuis non conseguen a vitoria.

A primeira metade escaseou en ocasións. Aínda que houbo numerosas chegadas á área, moi poucas acabaron con intervencións dos porteiros ou con lanzamentos a porta ou desviados.

O primeiro remate claro foi a cargo do Coruxo FC, no minuto 24, nunha cabezada de Andriu á saída dun córner, que Mackay atrapou con facilidade.

O Dépor dispuxo de dúas boas ocasións no tramo final. No minuto 41, un bo pase interior picado de Isi Gómez baixouno co peito Barbero, que cedeu atrás para Kuki Zalazar, cuxo zurdazo repeleu un defensa local lanzándose ao chan. Dous minutos despois, Tim Caroutas cabeceou un córner colgado por Isi Gómez con suficiencia pero o balón foise por riba do traveseiro.

A segunda metade continuou polos mesmos camiños. Moitas imprecisións nas zonas de finalización, en parte debido ao estado do céspede, perfectamente liso e cortado pero algo brando, o que provocou infinidade de esvaróns.

As mellores ocasións chegaron no último cuarto de encontro, case todas nas botas dos dianteiros deportivistas.

No minuto 73, Davo deixou o coiro para a chegada de Lucas ao bordo da área, pero o disparo do '7' rozouno Naveira para desviar a córner. No 79, Davo disparou a mans de Alberto. Poucos segundos despois, deixada de Lucas para Martín Ochoa que disparou desviado ante a saída do porteiro local. No minuto 85, Lucas internouse con velocidade pola esquerda e centrou raso ao punto de penalti para Ochoa, cuxo dereitazo, despois de controlar e acomodarse a pelota, estrelouse no mesmo recanto.

O Coruxo FC levou perigo no minuto 87, nun centro raso de Naveira desde o extremo esquerdo que Mackay rexeitou cos pés cando entraba Insua ao remate na área pequena. Xa co tempo case esgotado, Lucas tentouno desde 25 metros pero o esférico perdeuse pola liña de fondo, moi preto do pau dereito do marco defendido por Alberto.

Coruxo FC: Andrii Chekotun (Alberto, min. 69), Mario García (Bugarín, min. 69), Borja Marchante (Stasi, min. 81), Andriu, Naveira, Barrera (Pitu, min. 20), Guido (Temperán, min. 81), Johan (Pereiro, min. 69), Mateo (Vázquez, min. 69), David Añón (Insua, min. 69) e Aritz Pascual (Teles, min. 69).

RC Deportivo: Mackay, Álvaro Santamaría (Paris Adot, min. 76), Jaime (Pablo Martínez, min. 62), Dani Barcia (Somolinos, min. 86), Retu (Balenziaga, min. 76), Isi Gómez (Brais Val, min. 86), Jose Ángel (Jairo, min. 62), Tim Caroutas (Yeremay, min. 62), Kuki Zalazar (Ochoa, min. 76), Víctor Narro (Davo, min. 62) e Barbero (Lucas, min. 62).

Árbitro: Pastoriza Iglesias (c. galego). Cartón amarelo a Retu (min. 21) e Johan (min. 44).

Incidencias: terceiro partido da DéporXira Auga de Parada disputado no campo do Vao (Vigo).

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK