Yeremay reforza o seu compromiso co Dépor cun contrato até 2030 con opción a 3 temporadas máis
O RC Deportivo e Yeremay Hernández Cubas (Las Palmas de Gran Canaria, 10 de decembro de 2002) alcanzaron un acordo para reforzar o seu contrato, que se estende até xuño de 2030, con opción de ampliación por 3 temporadas adicionais. O novo vínculo contempla tamén unha mellora na súa cláusula de rescisión.
Trátase dunha renovación estratéxica para o Club e simbólica para o deportivismo. Yeremay, formado en Abegondo, apostou por continuar o seu crecemento na Coruña pese ao interese manifestado por varios clubs europeos de primeiro nivel. A súa decisión reafirma a validez dun modelo que aposta polo talento de casa, a sustentabilidade institucional e a fidelidade a uns valores.
A renovación de Yeremay tamén é unha demostración do importante esforzo do Club por reter o talento que considera clave para o seu proxecto deportivo, renunciando mesmo a importantes ingresos procedentes do pago das cláusulas de saída. O RC Deportivo prioriza consolidar un modelo competitivo con xogadores comprometidos co presente e futuro da entidade.
"Hoxe é un día moi importante para o RC Deportivo e para toda a familia deportivista. É un día de alegría e celebración por un xesto de compromiso, identidade e amor por este Club. Yeremay decidiu quedar connosco a pesar de recibir importantes ofertas que lle abrían as portas dalgúns dos clubs máis importantes de Europa. Nun fútbol onde o diñeiro manda, Yeremay elixiu ao Dépor. E iso convérteo nun símbolo do que estamos a construír", sinala o Conselleiro Delegado do RC Deportivo, Massimo Adalberto Benassi.
Pola súa banda, Fernando Soriano, Director de Fútbol do RC Deportivo, cualifica a noticia como "un paso firme para consolidar o crecemento dun xogador formado na nosa canteira, que creceu cos valores e a identidade do Club". Engade que "é unha decisión crave nun momento no que o equipo necesita estabilidade, ambición e referentes comprometidos de cara á próxima temporada".
O Club agradece profundamente a profesionalidade, a implicación e a vontade de Yeremay de seguir formando parte do Dépor nesta nova etapa. A súa continuidade non só reforza ao equipo sobre o terreo de xogo, senón tamén o compromiso institucional que o RC Deportivo proxecta dentro e fóra de Galicia.
Así mesmo, o Club considera necesario desmentir de forma categórica as cifras económicas publicadas recentemente nalgúns medios. Estas informacións son inexactas e non reflicten nin o contido real do acordo nin a política económica da entidade. A renovación de Yeremay asinouse respectando os principios estratéxicos de equilibrio orzamentario, sustentabilidade a longo prazo e homoxeneidade interna na estrutura salarial.
Toda a planificación deportiva do RC Deportivo réxese por estes criterios, que continuarán sendo a base de todas as decisións contractuais e deportivas. Ante calquera intento de desinformación, o Club manterá o seu firme compromiso coa transparencia e o respecto aos seus xogadores.
Nas próximas semanas, Yeremay comparecerá en rolda de prensa para valorar persoalmente a súa renovación.