Condicións Xerais de Uso da APP do RC DEPORTIVO
1. Titularidade e aceptación.
O Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D. (en diante, o “RC Deportivo” ou o “Club”), con domicilio social na Coruña, Praza de Pontevedra, 19-1, C.P. 15003, e CIF A-15023070, é titular da Aplicación oficial do RC Deportivo (en diante, a “Aplicación”, a “App” ou a “App RC Deportivo”), dispoñible nas tendas App Store e Google Play.
A descarga, instalación e uso da App supoñen a aceptación plena e sen reservas das presentes Condicións Xerais de Uso, así como de calquera outra política complementaria (Política de Privacidade, Política de Cookies, Regulamentos de servizos integrados, etc.), que estarán sempre dispoñibles dentro da App e no sitio web oficial do Club (www.rcdeportivo.es).
O RC Deportivo resérvase o dereito de modificar total ou parcialmente estas Condicións Xerais de Uso en calquera momento. As novas versións seranlle notificadas ao Usuario e estarán dispoñibles de forma permanente na propia App.
A descarga e o uso da App son gratuítos, sen prexuízo dos posibles custos derivados da conexión a Internet ou da tarifa de datos contratada co provedor de servizos do Usuario.
2. Propiedade intelectual e industrial.
A titularidade da App, o seu deseño, interface, software, código fonte e toda a tecnoloxía asociada (en diante, a «Tecnoloxía») corresponde ao RC Deportivo ou aos terceiros licenciantes que autorizan o seu uso.
O RC Deportivo outórgalle ao Usuario unha licenza de uso persoal, limitada, non exclusiva, revogable e intransferible, exclusivamente para a utilización da App en dispositivos compatibles, nos termos previstos nestas Condicións.
Todos os contidos presentes na App —incluíndo, con carácter enunciativo e non limitativo, logotipos, nomes comerciais, marcas, imaxes, textos, audiovisuais, deseños, códigos, bases de datos e demais elementos protexidos— están amparados polos dereitos de propiedade intelectual e industrial do RC Deportivo ou de terceiros que autorizasen o seu uso.
Queda expresamente prohibida calquera reprodución, distribución, comunicación pública, transformación ou utilización dos devanditos contidos sen autorización previa e por escrito do RC Deportivo.
No caso de que a App permita a carga de contidos por parte do Usuario (p. ex. imaxe de perfil, comentarios, información), este garante ser titular dos dereitos ou contar coas autorizacións necesarias. O Usuario será o único responsable do contido achegado e exime o Club de calquera responsabilidade derivada deste.
3. Funcionalidades e Servizos integrados.
A App RC Deportivo permite o acceso a distintos servizos dixitais ofrecidos polo Club, entre eles:
- Información institucional, deportiva e comercial do RC Deportivo.
- Acceso personalizado á zona de abonado.
- Comunicacións e notificacións oficiais.
- Servizos nativos integrados:
a) O Servizo moeDÉiro, que permite ao Usuario xestionar saldo electrónico dentro do ecosistema RC Deportivo, consonte os seus Termos e Condicións específicos.
b) O Servizo de Liberación de Asentos, mediante o cal o abonado pode liberar o seu asento en partidos determinados, conforme aos Termos e Condicións aplicables para tal efecto.
Ambos os Servizos están regulados nos seus Termos e Condicións específicos, incorporados como Anexos ao final do presente documento.
O uso de calquera destes servizos dentro da App implicará a aceptación expresa dos seus respectivos Termos e Condicións, ademais das presentes Condicións Xerais.
4. Exención de responsabilidade.
O uso da App e das súas funcionalidades realízase baixo a exclusiva responsabilidade do Usuario.
O RC Deportivo non garante a dispoñibilidade, continuidade nin infalibilidade do funcionamento da App e, na medida permitida pola lei, non responderá dos danos ou prexuízos que poidan derivarse de fallos técnicos, interrupcións do servizo, erros na transmisión de datos ou uso indebido ou ilícito por parte do Usuario ou de terceiros.
Así mesmo, o Club non será responsable dos danos derivados da instalación da App en dispositivos non compatibles, de configuracións incorrectas ou do uso contrario ás presentes Condicións.
5. Obrigas do Usuario.
O Usuario comprométese a utilizar a App de forma dilixente, lícita e conforme á boa fe, absténdose de:
- Utilizar a App ou os seus contidos con fins ilícitos ou contrarios á orde pública.
- Introducir ou difundir virus, malware ou calquera programa destinado a danar a App ou os seus sistemas.
- Intentar acceder sen autorización a datos, contas, servidores ou redes vinculadas á App.
- Usurpar a identidade doutros usuarios ou falsificar información.
- Subir contidos que vulneren dereitos de propiedade intelectual, imaxe, honra ou privacidade de terceiros.
O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar á suspensión ou cancelación do acceso do Usuario, sen prexuízo das accións legais que correspondan.
- 6. Protección de Datos Persoais.
O tratamento dos datos persoais do Usuario rexerase pola Política de Privacidade do RC Deportivo, dispoñible na App e no sitio web oficial
O RC Deportivo actuará como responsable do tratamento e garantirá a confidencialidade, integridade e seguridade dos datos conforme ao Regulamento (UE) 2016/679 (RXPD) e á Lei orgánica 3/2018 (LOPDGDD).
7. Seguridade e Suspensión do Servizo.
O RC Deportivo poderá, en calquera momento e por motivos de seguridade, restrinxir, suspender ou cancelar o acceso á App ou a determinadas funcionalidades, incluídos os servizos moeDÉiro e Liberación de Asiento, cando existan indicios de uso fraudulento, incumprimento das condicións de uso ou risco para a integridade do sistema.
O Club informará ao Usuario, sempre que sexa posible, da suspensión ou limitación do acceso e das súas causas.
8. Modificacións.
O RC Deportivo resérvase o dereito de modificar, actualizar ou suprimir funcionalidades da App, así como de introducir cambios nos contidos ou servizos ofrecidos, sen necesidade de aviso previo, sempre que estas modificacións non afecten os dereitos básicos das persoas usuarias.
As actualizacións necesarias para manter a seguridade ou compatibilidade da App instalaranse conforme ás políticas de Apple e Google.
O Usuario comprométese a manter a App actualizada no seu dispositivo.
9. Lexislación aplicable e xurisdición.
As presentes Condicións Xerais de Uso rexeranse e interpretaranse conforme á lexislación española. Para a resolución de calquera controversia que puidese derivar da súa interpretación ou execución, as partes sométense á xurisdición dos Xulgados e Tribunais da Coruña, agás que resulte aplicable outra xurisdición conforme á normativa de consumidores e usuarios.
10. Regulamentos específicos dos Servizos integrados.
De conformidade coas políticas de Apple App Store e Google Play, os servizos integrados da App RC Deportivo —moeDÉiro e Liberación de Localidades— contan coa súa propia regulación detallada, que forma parte integrante das presentes Condicións Xerais de Uso e se incorpora como Anexos I e II, respectivamente.
- Anexo I.
Regulamento e/ou Termos e Condicións do Servizo moeDÉiro.
Regula a xestión, o uso e as condicións de uso do Servizo por parte do Usuario dentro do ecosistema RC Deportivo.
- Anexo II.
Regulamento e/ou Termos e Condicións do Servizo de Liberación de Abonos.
Regula o procedemento, os prazos e as condicións da liberación voluntaria de asentos por parte da persoa abonada, así como a xeración e o uso dos importes derivados
A utilización de calquera destes servizos implica a aceptación expresa do seu regulamento e/ou dos termos e condicións correspondentes.