RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Fabril reforzado recibe mañá mércores en Abegondo ao Atlético Arnoia

Un Fabril reforzado polo seu triunfo de pompa ante o Polvorín FC do pasado sábado recibe mañá mércores 2 de febreiro ás 20:30 horas na Cidade Deportiva ao Atlético Arnoia, en partido correspondente á 14ª xornada aprazado até en dúas ocasións por COVID.

Os fabrilistas romperon ante os lucenses unha xeira de varios partidos sen gañar e buscan continuar escalando posicións cara á zona alta á conta dun Atlético Arnoia pechacancelas do grupo. Con 28 puntos, o Fabril é actualmente sétimo na táboa.

Óscar Gilsanz citou aos seguintes xogadores: Brais Suárez, Hugo Ríos, Iván Guerrero, José Currás, Iano Simão, Juan Rodríguez, Dani Barcia, David Suárez, Brais Val, Javi Sanmartín, Mario Domínguez, Barba, Fabio, Runy, Víctor, Mella, Juan Cambón, Davo, Nájera e Jairo.

Concluído este encontro, e case sen descanso, o Fabril visita o domingo 6 de febreiro ao CD Choco, xa en choque da 22ª xornada.

O Club mantén activo o protocolo de apertura, con aforamento reducido e rexistro de asistentes, da Cidade Deportiva de Abegondo para o partido entre o Fabril e o Atlético Arnoia.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O Real Club Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completada a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19. Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada na entrada e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños).