O Dépor ABANCA impúxose ao CD Pradejón un partido que se lle puxo costa arriba no primeiro período, pero que logrou remontar con goles de Eva Dios e Laura Fernández, e ao que puxeron a guinda o bo debut de Vika Hiryn e o tanto da sentenza, obra da capitá Alba Merino no seu regreso aos terreos de xogo despois de case sete meses de baixa.
O Dépor ABANCA fíxose co dominio da pelota practicamente desde o inicio. Pero non o tivo fácil para atopar vías de acceso á área contraria. A principal e máis explotada foi o extremo dereito, onde nesta ocasión situouse Laura Fernández.
No minuto 6, unha primeira internada da dianteira valisoletana concluíu cun pase da morte a Jone Ibáñez. O remate da mediocampista vasca estrelouse nas pernas da porteira visitante e unha compañeira despexou rapidamente a saque de esquina. Ao cuarto de hora, outra chegada de Laura Fernández pola dereita atopou de novo a Jone Ibáñez, esta vez na media lúa da área. O disparo de 'Ibi' marchouse fóra, moi preto do pau esquerdo.
O Dépor ABANCA parecía ter controlado o encontro pero no minuto 17 viuse por detrás no marcador. A primeira vez que o CD Pradejón controlou a pelota na metade branquiazul do campo acabou en gol. Foi após unha recuperación en mediocampo con balón longo pola esquerda para Carmen Sobrón, que recortou cara a dentro para desfacerse de María Ruiz e sen pensarllo saíu do caneo cun disparo desde 25 metros ao recanto contrario, imposible para Ana Valles.
O conxunto rioxano comezou entón a ter un pouco máis a pelota, pero non foi capaz de chegar á área coruñesa no resto do primeiro tempo máis que en dous saques de esquina. O resto de oportunidades foron para un Dépor ABANCA que nos minutos finais comezou a chegar con algo máis de claridade, o que se traduciu no empate.
Aos 22 minutos, un dereitazo de María Ruiz desde 25 metros foise lambendo o traveseiro. Á media hora de xogo, un centro-chute de Eva Dios non atopou nin porta nin rematadora. Laura Fernández volveu aparecer no minuto 37, cando roubou o coiro á súa marcadora na liña de fondo e puxo un balón na área pequena que tampouco atopou rematadora. Repetiu a castelá no minuto 39, cun dereitazo de socato na segunda xogada dunha falta colgada á área ante o que se cruzou milagrosamente unha defensora para desviar a pelota a saque de esquina. Por último, no minuto 40 un centro a media altura da propia Laura Fernández non foi capaz nin de controlalo nin de rematalo Eva Dios.
A canteirá, con todo, estivo plena de acerto un minuto despois. Un centro desde o extremo dereito a perna cambiada de María Ruiz atopou a Eva Dios no segundo pau e esta bateu a Sheila Asensio cun colocado dereitazo ao pau contrario. A propia Eva Dios puido ter a oportunidade de adiantar ás branquiazuis no último minuto, pero nun claro contragolpe en tres contra un recibiu lixeiramente adiantada, en posición de fóra de xogo, o pase en profundidade de Laura Fernández.
A segunda metade comezou coa expulsión do técnico visitante, Israel Losa. O equipo rioxano compareceu no terreo de xogo con máis de cinco minutos de atraso, feito que motivou a decisión do colexiado.
O equipo visitante equilibrou o xogo durante moitos minutos. E os achegamentos a gol máis claros do primeiro tramo do acto complementario foron seus, en senllos disparos afastados plenos de veleno. No minuto 57, Merche Izal enganchou con dureza un rexeite da defensa branquiazul ás toas pero Ana Valles estaba perfectamente colocada e desviou a córner. Lidia Alén, no minuto 64, bateu un novo despexe da zaga deportivista desde fóra da área. O esférico foise rozando o poste dereito da portería herculina.
O primeiro disparo do Dépor ABANCA no segundo tempo non chegou até o minuto 67, por medio de Paula Gutiérrez. Foi un lanzamento desde 25 metros que se perdeu á dereita do portal rioxano. Inmediatamente, Miguel Llorente deu entrada a Vika Hiryn en lugar de Aroa Guerra, co que a dianteira ucraína efectuou o seu debut como branquiazul.
Foi a partir de entón cando o Dépor ABANCA comezou a chegar con maior claridade. No minuto 71, Eva Dios recolleu un despexe da defensa rioxana a un saque de banda preto do córner pero o seu disparo foise frouxo a mans de Sheila Asensio. Acto seguido, unha internada de Laura Fernández finalizou cun centro-chute que se perdeu pola liña de fondo moi preto do pau dereito do marco rival. E no minuto 72, a propia Laura Fernández quedou soa ante a porteira visitante despois dunha imprecisión na saída do balón do equipo rioxano e bateuna no man a man para poñer por diante no marcador ao Dépor ABANCA.
Minutos despois, Alba Merino ingresou no terreo de xogo case sete meses despois do seu último encontro após ser operada do seu xeonllo dereito. E a capitá deportivista erixiuse en gran protagonista cando, no minuto 90, asinou o tanto da sentenza. Vika Hiryn iniciou a acción en campo propio, continuouna María Ruiz cun recorte e pase en profundidade para Jone Ibáñez, que se anticipou coa punta da bota á saída desesperada de Sheila Asensio deixando a pelota para a chegada desde atrás de Alba. A estremeña percorreu a área sen oposición antes de marcar a porta baleira cun duro golpeo cheo de rabia e alegría.
Con esta vitoria, o Dépor ABANCA suma 46 puntos, un menos que o líder, o RCD Espanyol, e os mesmos que o CDF Osasuna Femenino, aínda que ambos teñen que xogar aínda os seus partidos da 24ª xornada, mañá domingo nos campos do FC Barcelona B e o CDE Racing Féminas, respectivamente.
Deportivo ABANCA: Ana Valles, Carlota, Inés Altamira, Raquel García, Patri López (Goretti, min. 90+1), María Ruiz, Paula Gutiérrez, Jone Ibáñez, Laura Fernández (Alba Merino, min. 79), Aroa Guerra (Vika Hiryn, min. 67) e Eva Dios (Paula Novo, min. 79).
CD Pradejón: Sheila, Galán (Nerea Salinas, min. 77), Lesley Talom, Ana Pagola, Nerea Tellería (Laura Pérez, min. 59), Merche Izal, Lidia Alén, Silvia Ruiz, Alaitz (Herce, min. 59), Adriana Parada (Irene Yangüas, min. 59) e Carmen.
Goles: 0-1 Carmen (min. 17); 1-1 Eva Dios (min. 41); 2-1 Laura Fernández (min. 72); 3-1 Alba Merino (min. 90).
Árbitro: Alejandro Castro Alarcón (c. galego). Expulsou ao adestrador do CD Pradejón, Israel Losa (min. 46). Cartón amarelo a Carlota (min. 45), Eva Dios (min. 51), Patri López (min. 57) e Galán (min. 63).
Incidencias: partido da 24ª xornada do grupo Norte de Reto Iberdrola disputado en Abegondo.
