TORNEO RC DEPORTIVO

Todos os anos, desde 2004, o Día das Letras Galegas é tamén o día da festa do fútbol base en Abegondo. Cada 17 de maio, o Torneo Real Club Deportivo congrega a centos de equipos Benxamíns e Prebenxamíns de toda a xeografía galega, ofrecendo aos nenos, desde 2014, a posibilidade de disputar todos os seus partidos sobre os terreos de xogo de céspede natural nos que cada día adestran e xogan todos os equipos do Dépor. A partir daquela edición, a número 11, o espazo ocupado polo campo de herba artificial da Cidade Deportiva de Abegondo dedícase a actividades lúdicas e hostalería, para que tanto os novos futbolistas como os seus familiares poidan desfrutar do día con todas as comodidades e sen un só instante de aburrimento.

Na súa edición de 2017, o número 14, máis de 10.000 persoas, entre xogadores e acompañantes, gozaron dun día inesquecible. Case 3.100 xogadores e máis de 12 horas ininterrompidas de competición en 16 campos, desde as 09:00 horas e até as 21:15 o fútbol non parou nunha das xornadas máis importantes do ano para o Club, a do Torneo Real Club Deportivo.