RCD / NOVAS

Juanfran: "Todos sabemos que este ano non pode ser como o ano pasado"

12/09/2017 20:50

Un dos capitáns do Deportivo, Juanfran, compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Manifestou que o partido do pasado domingo ante a Real Sociedad no Estadio ABANCA-RIAZOR deixou claro que "hai que ser máis compactos desde o minuto uno. Non esperar a que nos dean a primeira hostia".

Ademais, asegurou respecto dos cambios que realizou Pepe Mel durante o encontro ante o equipo donostiarra que "as posicións que ían collendo os xogadores durante o partido están traballadas. Todos os xogadores adestraron nesas posicións, saben o que teñen que facer nesas posicións. É unha cousa que se falou e sabíase que podía pasar. A nós non nos pilla por sorpresa".

Insistiu o lateral deportivista que "se se gañara non se falaría. Pérdese e mírase un pouco a iso. Unha xogada a balón parado dá igual se un está en banda dereita, banda esquerda, de dianteiro. É unha xogada de marca home a home e xa está. Non hai que darlle tanta importancia porque está traballado. Non nos pilla de novas. Fede Valverde adestrou por diante miña algunha vez, Adrián en dereita e esquerda, Lucas en esquerda e en dereita. Todo está traballado. Nada se pon de súpeto nun partido e un xogador di ¿que está a pasar? Nós todo témolo traballado, falado. Antes do partido fálase de que pode pasar. Cando non saen as cousas é normal o nerviosismo".

Nesta liña, sostén que os xogadores "temos moita responsabilidade porque o Club fixo un proxecto moi importante, gastouse moito diñeiro e lanzou unha mensaxe moi clara coa volta de Lucas. Todos sabemos que este ano non pode ser como o ano pasado".

Despois de 1 punto de 9 posibles, apunta que o vestiario "animicamente está amolado porque as cousas non están a saír como un espera. Non estamos a facer un bo fútbol, e animicamente non estás ben. É verdade que hai que ter tranquilidade. Isto acaba de empezar. Hai moita marxe de mellora que é o importante".

Para Juanfran, é a hora de crecer: "Por fin estamos todos os que imos estar. Tivemos que esperar ata o final para poder pechar o cadro. A crecer. Esta semana é importante porque hai tres partidos".

Recoñece que esperaba un arranque distinto de liga en canto a xogo porque "viñamos con mellores sensacións no día a día do que se está demostrando. Sabiamos que os primeiros partidos eran moi difíciles porque era o Real Madrid, o Levante no seu campo que é un equipo moi complicado, e a Real Sociedad que é o equipo máis en forma da liga. Esperabamos futbolísticamente estar mellor".

Por esta razón, desexa no Benito Villamarín ante o Betis este sábado 16 de setembro (18:30 horas, Bein LaLiga) "unha vitoria que che dea confianza, que che dea tranquilidade para poder traballar e para recoller a recompensa de todo o traballo que levamos de verán, e para empezar a tirar para arriba".

Máis novas de: JUANFRAN

RCD / Noticias Relacionadas