RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

A Fundación RC Deportivo ultima os detalles para organizar a xornada de LaLiga Genuine esta fin de semana en Abegondo

O Dépor Genuine será o anfitrión esta fin de semana da 2ª fase de LaLiga Genuine 2023-2024.

Desde o vindeiro venres 15 de marzo até o domingo 17, A Coruña e Abegondo acollerán este acontecemento por segunda vez desde a posta en marcha, en 2017, desta competición para futbolistas con discapacidade intelectual. Con anterioridade, a Fundación RC Deportivo tamén organizou a 2ª fase da temporada 2018-19.

O venres 15 producirase a chegada dos 23 equipos que, ademais do Dépor Genuine, participarán nesta fase. A primeira actividade para eles, máis aló do fútbol, consistirá nunha limpeza da praia de Riazor liderada por We Sustainability, a través do proxecto WEDÉPOR, e en colaboración cos patrocinadores do Dépor Genuine 2023-24: Duacode, Vales & Asociados, Quirónsalud e Ontime. We Sustainability tamén instalará en Abegondo unha caseta na que realizarán actividades para transmitir a importancia da reciclaxe e do coidado do medio ambiente.

A última hora da tarde, o Estadio ABANCA-RIAZOR acollerá o acto inaugural cos equipos participantes.

Os outros 23 equipos presentes esta fin de semana na Coruña son Fundación Málaga CF, FC Andorra, Deportivo Alavés, Real Sociedad Fundazioa, Real Betis Balompié, Burgos CF, FC Cartagena, Getafe CF, Real ValladoliDI, Fundación Albacete, SD Ponferradina, Racing Club de Ferrol, Real Racing Club de Santander, Granada CF, SD Eibar Fundazioa, CF Fuenlabrada, CD Lugo, Fundación Real Madrid e Elche CF.

Durante a fin de semana celebraranse 36 partidos: 12 na matinal do sábado, 12 na tarde do sábado e 12 na mañá do domingo.

O equipo deportivista, dirixido por Lucía Otero, Carlos García Collazo e Breogán López e o delegado Andrés Echevarría, disputará tres encontros, como é habitual, que nesta ocasión terán como escenario o campo 1 da Cidade Deportiva de Abegondo. O sábado medirase á Fundación Real Madrid pola mañá e ao Real ValladoliDI pola tarde, mentres que na matinal do domingo enfrontarase ao CD Lugo.

Tanto no acto inaugural como nas xornadas futbolísticas do sábado e o domingo, a Fundación RC Deportivo en colaboración coa asociación Down Experience porá a disposición de todos os asistentes un servizo de restauración. Os afeccionados que se acheguen a Abegondo poder adquirir e gozar os seus produtos, como o seu xa coñecido bocadillo de luras, nun food truck que permanecerá aberto durante a celebración dos partidos na Cidade Deportiva.

O calendario de actividades e o plan de competición do Dépor Genuine é o seguinte:

Venres 15 de marzo
17:30: Limpeza da praia de Riazor con WE Sustainability
20:00: Acto inaugural no Estadio ABANCA-RIAZOR

Sábado 16 de marzo
11:00: DÉPOR GENUINE - FUNDACIÓN REAL MADRID, no campo 1
17:30: REAL VALLADOLIDI - DÉPOR GENUINE, no campo 1

Domingo 17 de marzo
11:00: Primeira entrega de premios
12:00: DÉPOR GENUINE - CD LUGO, no campo 1
12:00: Segunda entrega de premios
13:00: Terceira entrega de premios e clausura

Aquí podes consultar o calendario completo de partidos desta fin de semana.

O calendario de competición da sexta edición de LaLiga Genuine é o seguinte:

1ª fase:
Tarragona (Nou Estadi e C.E. Futbol Salou, 17, 18 e 19 de novembro de 2023)

2ª fase:
Cádiz (C.D. Bahía de Cádiz, 2, 3 e 4 de febreiro de 2024)
A Coruña (C.D. Abegondo, 15, 16 e 17 de marzo de 2024)

3ª fase:
Santa Cruz de Tenerife (C.D. Javier Pérez, 12, 13 e 14 de abril de 2024)
Burgos (C.D. Burgos Promesas 2000, 10, 11 e 12 de maio de 2024)

4ª fase:
Getafe (C.D. Fernando Santos de la Parra, 7, 8 e 9 de xuño 2024)