RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

Aberta a inscrición para os DéporCampus Cabreiroá deste verán

Como cada verán regresa a principal actividade social do RC Deportivo a través da súa Fundación, os DéporCampus Cabreiroá, nos que participan miles de nenas e nenos de boa parte de Galicia e para os que hoxe luns se abriu o prazo de inscrición nas 15 sedes nas catro provincias galegas. Este ano desenvolveranse, para participantes desde os 6 aos 14 anos, entre finais do mes de xuño e principios de agosto.

Abegondo, Bertamiráns, Caranza, Cee, Cuntis, Monforte, Ourense, Outes, Sarria, Silleda, Terras de Maside, Verdugo, Vila de Marín, Viveiro e Zas son agora mesmo as localizacións nas que se desenvolverá a actividade en diferentes semanas dos tres meses de verán.

Como cada ano, a instalación con máis semanas de actividade será a Cidade Deportiva de Abegondo, que acollerá o DéporCampus Cabreiroá 2024 en seis quendas, unha por semana, entre o 24 de xuño e o 2 de agosto. Para esta sede central ademáis, os participantes poden acollerse a unha tarifa con desconto de 10 euros se se inscriben antes do próximo 3 de xuño.

Poden acollerse a descontos as nenas e nenos que participasen en edicións anteriores dos DéporCampus Cabreiroá e da Escola RC Deportivo, ademais dos que gozan Socios ou Accionistas do RC Deportivo, xogadores do Club, familias numerosas ou con máis dun membro en paro, familias que inscriban a máis dun fillo, socios protectores e xogadores e xogadoras do club colaborador de cada sede.

Toda a información sobre cada sede, cada quenda, horarios e demais preguntas frecuentes atópase en deporcampus.rcdeportivo.es/gl, onde se pode realizar todo o proceso de inscrición e contacto, que tamén se pode establecer a través de deporcampus@rcdeportivo.es.