RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Divertida mañá para As Nosas aos remos do Club de Regatas Salgado Perillo

Nestas semanas sen competición, no que o obxectivo é manter o estado físico antes das merecidas vacacións estivais, ademais dos adestramentos no campo 5 de Abegondo e no ximnasio da Cidade Deportiva, teñen cabida actividades diferentes.

Así, en colaboración co Club de Regatas Salgado Perillo, o Dépor ABANCA pasou onte unha mañá diferente aos remos da traiñeira polas augas da Ría da Coruña.

A xornada arrincou nas instalacións en terra do Club sitas en Santa Cristina (Oleiros), cunha mini clase práctica de remo a cargo dos adestradores.

A continuación, e após baixar entre todas a traiñeira á auga, tocou remar pola Ría da Coruña e practicar así un deporte moi completo.

A climatoloxía destes días na Coruña acompañou, do mesmo xeito que o estado do mar, idóneo para o remo.

O obxectivo foi "unha toma de contacto co mundo da traiñeira", explicou Raquel Armesto, Presidenta do Club de Regatas Salgado Perillo, quen subliñou que o que máis traballaron As Nosas foi "a coordinación".

Xogadoras e técnicos gozaron e prometeron repetir experiencia, xa como equipo de Liga F.

Após a xornada, hoxe xoves e mañá venres o Dépor ABANCA estará de volta en Abegondo para completar a semana antes da fin de semana de descanso.

📸GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK