RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: Foi unha vitoria de equipo

Imanol Idiakez cre que o triunfo do Dépor en Las Llanas é "de moito mérito. Xa vistes o que é o Sestao River aquí. Desde decembro non gañara ninguén aquí. É un campo que a nós nos custa un pouquiño máis polas dimensións, por como estaba e o equipo fixo un partido moi bo. Deixamos moi pouquiño e foi unha vitoria de equipo. Fóra de ABANCA-RIAZOR estamos a ser un equipo moi solvente e hoxe volvémolo a demostrar".

Consciente das matemáticas para o próximo partido, insiste en que "queremos recuperar, saborear a vitoria, volver analizar, seguro que hai algo que mellorar de cara ao domingo. Sabemos que temos un partido importante, un partido grande, e oxalá o podamos conseguir".

O técnico deportivista lembra que "na segunda parte tivemos máis situacións que a do penalti pero é verdade que era un partido moi pechado, o campo estaba difícil para poder levar o balon onde queriamos, o Sestao é un equipo que manexa moi ben os espazos, que está moi ben traballado e púxonolo complicado como xa esperabamos. Os seus resultados non son casualidade e o Sestao fixo unha temporada de menos a máis espectacular, está a acabar a temporada moi ben".

Subliña estar "moi contento polo traballo do equipo. Outra vez con algunhas baixas, rendementos individuais, colectivos... Permitimos moi pouco a un rival que aquí á xente faille sufrir moito. Sufrimos, pero sufrimos sen conceder practicamente nada".

Admite ademais que o vento "se levantou un pouco na segunda parte. Púxosenos en contra. Estabamos un pouco divididos e tivemos que xuntar a Yeremay ou a Lucas porque se non ganas caídas atácanche e se as ganas atacas ti. Iso é o xogo e fomos capaces de interpretalo ben".

Finalmente Imanol Idiakez, sobre a xogada do penalti, apunta que "nós sempre temos na cabeza que estea como estea o partido temos xente desequilibrante que en calquera xogada pode cambiar o signo do partido. Insistímosllo aos xogadores, que aínda que o partido estea máis pechado, unha acción individual, unha xogada de asociación entre a xente que temos arriba pode decidir o partido e así foi".