RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Millene, após o ascenso, avisa: O Dépor ABANCA quere gañar a liga

Millene Cabral pasouse pola sala de prensa de Abegondo este mediodía.

Cun novo reto por diante este sábado a partir das 19:30 na Cidade Deportiva Andrés Iniesta ante o CD Alba Fundación Femenino na última xornada, lembra que "temos a posibilidade de gañar a liga. O noso traballo é ir gañar o partido. O equipo quere gañar a liga e é o que imos ir a facer, tentar gañar o partido e logo que o resultado do Barça nos axude tamén". "Sería a temporada perfecta. Fainos moita ilusión que esa posibilidade estea aí", engade.

Asegura que este obxectivo do título de liga "é unha motivación para nós. Á parte de ser unha semana de ascenso tamén pode ser unha semana de gañar a liga. Para nós iso é moi importante. O ascenso hai que celebralo pero hai que seguir traballando porque aínda podemos conquistar máis cousas".

A dianteira brasileira manifestou que estes días de celebración do ascenso foron "moi bonitos. É unha semana moi especial. Conquistar algo tan grande e tan único é motivo de celebración. Merecémolo".

Confesa que "estamos a sentir o apoio de moita xente. Os patrocinadores están a tratarnos moi ben. Onte en ABANCA foi un momento moi especial para nós, que é moi importante porque son apoios para o futuro moi importantes. Nós estamos moi agradecidas".

Con afonía na voz, Millene pensa que "iso demostra a felicidade do equipo, dun equipo que loitou moito, traballou moito para conquistar o que conquistamos. Un obxectivo e algo tan bonito e tan grande hai que gozalo, celebralo á altura. O equipo fíxoo, merecémolo pero xa estamos centradas nun partido moi importante tamén, coa posibilidade de seguir conquistando cousas. Imos ir serias e logo se hai que seguir gozando e celebrando, farémolo tamén".

Do conxunto albaceteño destaca que o campo onde xoga os seus partidos "é artificial. Vánnolo a pór difícil porque todos os equipos que xogan contra nós dan a súa mellor versión. Este finde non será diferente. Temos que centrarnos no noso, facelo o mellor que podamos, traballar e xogar para gañar".

No plano individual, con 15 tantos marcados e situada na 2ª posición na clasificación de máximas goleadoras da Primera Federación Iberdrola, a 1 gol da barcelonista Ariana Arias, Millene apunta que "as conquistas individuais veñen co traballo do equipo. O máis importante está feito. O obxectivo do grupo era ascender. Logo no plano individual se podo meter algún outro gol, eu encantada porque quero seguir axudando ao equipo. É un partido que conta e é importante para nós. Os goles para min persoalmente faríanme ilusión pero o máis importante xa está feito. As conquistas individuais de cada unha de nós veñen do traballo do equipo".

Finalmente, preguntada pola súa renovación, sostén que "son moi feliz aquí. Estas dúas temporadas que levo xa crecín como persoa, como xogadora. É un sitio onde podo seguir facéndoo. O Dépor ten moita historia que contar, moito para demostrar e oxalá poida ser parte de todo isto".