RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"A situación máis que de buscar culpables é de remar", opina Eneko Bóveda

O capitán Adrián e Eneko Bóveda atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O dianteiro asturiano cre que ao principio "fixemos méritos para marcar 1 ou 2 goles. Ás veces non quere entrar o balón. Volvemos a dar ao pau. Tivemos ocasións claras que o porteiro deles parou de socato. Logo cambiou o partido. Eles meten o primeiro gol, conseguimos empatar pero nesa xogada, nese malentendido cambia o partido. Ao quedar cun menos tanto tempo xa é outro partido. Xa non podemos crearlles tanto ofensivamente".

Advirte Adrián que ao final "hai un punto positivo porque fixemos un bo traballo defensivo na segunda parte. Ás veces, nestes momentos, un punto pode ser moi importante".

Entende a reacción da bancada ao final do partido: "Quere ver ao seu equipo gañar. Ansía tanto como nós esa vitoria. Imaxínome que estarían amolados. Pero hai que entender hoxe un pouco como se deu o partido e ao final hai que sacar cousas positivas da segunda parte, onde o equipo estivo sólido e ao final se non podes gañar o partido, hai que saber empatalo e gañar un punto".

Pola súa banda, Eneko Bóveda opina que "todas as análises deben ser positivas. Por unha banda cando xogamos 11 para 11 penso que o plan preparado sae case á perfección. É moi raro, pouco habitual que che plantes diante do porteiro 4 veces. Case ningún equipo na xornada conseguirao. E ímonos con 0 goles no minuto 20 ou 25. Logo eles fan un gol da primeira ocasión que teñen. Logo temos un accidente coa expulsión, que é un cúmulo de desgrazas que pasan na xogada, que loxicamente hai fallos. A consecuencia é moi grave".

O defensa deportivista, hoxe lateral destro, queda logo coa segunda parte: "É buenísima. A este equipo achácaselle fraxilidade defensiva, pouca organización, poucas axudas, pouca colaboración. Hoxe era un exercicio difícil e importante para demostrar que algo diso temos. Sufrimos, é verdade, non sei ata que punto eles xeraron ocasións como para facer gol. Eles xogando 50 minutos cun xogador máis".

Por todo isto, "a min váleme este partido para crer máis. A pesar da decepción lóxica, temos que estar contentos".

A nivel persoal, confesou estar "moi contento coa decisión de vir aquí. Síntome arropadísimo pola xente pola que creo que me teño que sentir arroupado. Estes dous últimos días foron complicados para min. Estaba nunha boa liña. Fixen un partido moi malo o outro día en Getafe, penalizando ademais en forma de goles ao equipo. Cando pasa iso, un sofre, dálle mil voltas á cabeza".

Á afección, Eneko pídelle que "a pesar das decepcións, que crean como nós, que empuxen porque a situación máis que de buscar culpables é de remar, de dar cada un no que está nas súas mans. Hai moitísima diferenza entre manterse en Primeira e descender a Segunda. Non é unha cousa como para andar xogando".

Insiste en que "non estamos mortos. A situación é a que é. Non imos quedar décimos ou oitavos. Imos estar no pozo até o final. É posible que nos salvemos e é posible que non nos salvemos. O importante é non morrer antes. Por ese camiño estaremos máis preto de conseguir o obxectivo que agora mesmo é único".