RCD / NOVAS

Albentosa: "Aínda temos opcións e hai que apuralas até o final"

25/04/2018 18:26

Raúl Albentosa, após recoller o premio ao Xogador Estrella Galicia correspondente ao mes de marzo, manifestou aos medios de comunicación que, de cara ao encontro deste domingo 29 de abril no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o FC Barcelona, o vestiario deportivista ten o "foco onde ten que estar. Non miramos máis aló. Temos que estar no partido do Barça e afrontalo da mellor maneira".

Do equipo azulgrana, indica que "é un equipo grande que quere vir gañar a liga e nós a saír da queima como sexa. Aínda temos opcións e hai que apuralas até o final".

O defensor deportivista asegura que ten "ánimos para seguir cara a adiante pase o que pase. Tentaremos conseguir dos 12 puntos os 12. O demais xa non depende de nós. O que depende de nós son os 4 partidos que nos quedan, o primeiro contra o Barça".

En calquera caso, reclama "dignidade, autoestima... hai moitas palabras para definilo. É o que imos buscar. Cada un ten que saber que a súa imaxe está por diante e o Deportivo está por diante. Se fas o ridículo, vai ser un ridículo maior. Imos tentar dalo todo os 12 puntos, gañar os 4 partidos. O outro xa non depende de nós".

Recoñece que o resultado do Levante en San Mamés produciulle "un baixón grande grande. Case unha desilusión, porque pensabamos que non ían puntuar alí. Ao final isto é así. Metémonos por méritos de todo o mundo nesta situación. A día de hoxe aínda temos opcións e imos apuralas até o final".

Iso si, non cre que esta semana sexa máis complexa a nivel mental, porque, segundo Albentosa, "houbo semanas moi complicadas por exemplo o partido que gañou o Levante e tocábanos xogar contra As Palmas. Ao final empatamos. Esa semana foi moi dura, porque empatamos contra un equipo de abaixo e eles gañaron. Sabiamos que as cousas ían ser moi difíciles, están aínda máis difíciles agora. Pero imos seguir até o final".

Sobre o premio que outorga Estrela Galicia, cos votos dos afeccionados a través das redes sociais sobre unha terna de futbolistas elixidos polos medios de comunicación, o central branquiazul opina que "ao final o traballo e a perseveranza ten a súa recompensa. A min ninguén me regalou nada nisto do fútbol. Coa constancia e a motivación... todo conta. Que a xente estea contigo, faiche dar un plus máis".

En canto ao seu futuro, afirma que "teño contrato aquí e non penso noutra cousa agora mesmo. Penso no día a día. Hai 2 meses non xogaba, e agora xogo e teño que estar feliz. Hai peores cousas na vida que isto. Imos seguir adiante, día a día, paso a paso".

Máis novas de: ALBENTOSA