RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Albentosa rescata un punto insuficiente (1-1)

O Deportivo non puido pasar do empate ante a UD Las Palmas, nun partido no que os branquiazuis se viron en desvantaxe aos 3 minutos. O conxunto deportivista empatou antes do descanso por medio de Albentosa e, nunha segunda metade na que o rival apenas se achegou á área de Rubén, topouse co traveseiro nun libre directo de Lucas e cunha man milagrosa de Chichizola a cabezada de Florin Andone.

Clarence Seedorf, preparador branquiazul, realizou tres cambios con respecto á aliñación que presentou o pasado venres ante o Girona. En defensa, Juanfran supliu a Eneko Bóveda, lesionado en Montilivi. E en mediocampo, Guilherme e Emre Çolak entraron en lugar de Pedro Mosquera e Celso Borges.

Non puido comezar peor o partido. Unha imprecisión no mediocampo deportivista acabou nos pés de Alen Halilović, que trazou unha diagonal e disparou desde a frontal da área. O croata superou a estirada de Rubén cun tiro colocado cara á cepa do poste dereito para adiantar ao conxunto canario cando só transcorreran 3 minutos.

Aínda que Halilović disparou preto do portal de Rubén pouco despois nunha acción similar á do 0-1, reaccionou pronto o Dépor, que se fixo co mando do partido. Aínda que non xerou ocasións claras, si forzou varios saques de esquina. Nun deles chegou o empate. Botou o córner Lucas Pérez, Albentosa gañou o salto á zaga visitante e cabeceou lonxe do alcance de Chichizola. Corría o minuto 22.

Á media hora, nun novo saque de esquina, a cabezada de Adrián con todo a favor foise alta, nunha acción na que o capitán deportivista rematou ao bordo da área pequena sen sequera ter que saltar.

Volveu levar perigo o Dépor nun novo córner, dous minutos máis tarde. O rexeite da defensa canaria caeu aos pés de Muntari, que enganchou unha volea coa súa perna dereita que detivo Chichizola en dous tempos, con enormes dificultades.

Pouco despois, o colexiado anulou un ataque da UD Las Palmas que acabou en gol. Calleri levou o balón ao fondo das mallas despois dunha acción rocambolesca, con Sidnei tratando de despexar o coiro no chan, desde a mesma liña de gol, cun rival na mesma situación, tentando marcar. A xogada, con todo, xa estaba invalidada por fóra de xogo no centro previo de Momo.

A segunda metade arrincou co 1-1 e cos mesmos protagonistas, aínda que un pouco máis conservadores que na primeira metade.

Non foi até o minuto 54 que alguén se atreveu a poñer a proba ao porteiro rival. Foi Lucas Pérez o que tentou, nun libre directo escorado cara á dereita do ataque coruñés, sorprender a Chichizola. O zurdazo do '7' deportivista estrelouse no traveseiro, sumándose así á longa lista de disparos á madeira nos últimos encontros.

No minuto 60, Las Palmas dispuxo dunha clara ocasión para adiantarse de novo no marcador. Halilović quedou só ante Rubén após un inoportuno resbalón de Albentosa. Sidnei chegou en última instancia ao cruzamento para rozar o disparo do balcánico e facer que se fora, aínda que por escasa marxe, por riba do traveseiro.

Dez minutos despois, Seedorf introduciu o primeiro cambio, dando entrada a Zakaria Bakkali por Emre Çolak, o que provocou un cambio de debuxo, pasando Guilherme a formar un doble pivote con Muntari. Pouco despois, o ganés deixaría o seu sitio a Celso Borges.

De inmediato, o Dépor gozou doutra clara ocasión a balón parado. Unha falta lateral colgada por Lucas Pérez cabeceouna timidamente Guilherme, á esquerda da portería canaria.

O Deportivo engarzou o seu mellor ataque da segunda metade no minuto 81. Recuperou Fernando Navarro, xogou con Guilherme, este lanzou á súa dereita a Borges, que abriu para Bakkali e dobrou ao belga, que o buscou en profundidade. O costarriqueño centrou desde a liña de fondo, desde onde atopou a cabeza de Lucas. O remate en prancha do '7', peiteado en exceso, marchouse á dereita do marco visitante.

O Dépor foise sen miramentos a pola vitoria, que tivo de novo na súa cabeza, a balón parado. Chichizola afogou o berro de gol na bancada ao rexeitar unha fenomenal cabezada de Andone nunha falta lateral botada por Carles Gil, que acababa de suplir a Lucas.

Xa no tempo engadido, Bakkali estivo a piques de lograr o ansiado gol da vitoria. Nunha xogada calcada á do tanto de Halilović, o seu disparo marchouse moi preto do pau dereito.

Aínda forzou o Deportivo dous saques de esquina nos que mesmo Rubén subiu a tentar rematar, pero en ningún chegou o gol que valería 3 puntos vitais no camiño cara á permanencia.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Muntari (Borges, min. 75), Emre Çolak (Bakkali, min. 70), Adrián, Lucas (Carles Gil, min. 84) e Andone.

UD Las Palmas: Chichizola, Míchel (David Simón, min. 58), Ximo Navarro, David García, Aguirregaray, Aquilani, Javi Castellano, Vicente Gómez (Tana, min. 77), Halilović, Calleri (Erik Expósito, min. 64) e Momo.

Goles: 0-1 Halilović (min. 3); 1-1 Albentosa (min. 22).

Árbitro: Martínez Munuera (c. valenciano). Cartón amarelo a Momo (min. 20), Fernando Navarro (min. 27), Muntari (min. 47), Javi Castellano (min. 53), David Simón (min. 65) e Guilherme (min. 84).

Incidencias: partido da 29ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.942 espectadores.