RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños: "Fallamos e pedimos perdón a #ANOSAFORZA"

Álex Bergantiños, capitán do Deportivo, manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que no vestiario branquiazul "a xente está abatida. É un silencio sepulcral, coa decepción de fallar a toda #ANOSAFORZA, de non conseguir o obxectivo do ano".

Do partido, opina que foi "de dominios alternos. Na primeira parte estivemos mellor nós. Na segunda, polos problemas que tivemos nalgúns xogadores sobre todo de mediocampo, caémonos un pouco. Eles apertaron máis tamén polo marcador. E xa cando o tiñamos preto, nunha acción a balón parado, onde son fortes, empátannos. Na primeira parte da prórroga entramos mellor que eles, tivemos unha de Antoñito para poder facer gol. E eles no único achegamento que tiveron marcáronnos o segundo. Pequenos detalles. Non serve de nada dar voltas agora. Fallamos, decepcionamos a #ANOSAFORZA. Pedir desculpas porque non o conseguimos. Merécense todo. O grupo esforzouse, fixo o máximo por conseguir o obxectivo. Fallamos e pedimos perdón a #ANOSAFORZA".

Lembra o futbolista coruñés que "son momentos de moitos nervios, de moita frustración. É difícil atopar as palabras para explicar o que séntese. Están no seu dereito de considerar que non estivemos á altura do que significa o Dépor e esta camiseta porque non conseguimos o obxectivo polo que se contratou a este cadro. Nada que dicir. Só pedir desculpas e os que tomen decisións que digan quen fallamos, o que se podía facer doutra maneira e os motivos polos que non o conseguimos".

Considera o que se viviu na bancada de ABANCA-RIAZOR "o único activo real e importante que ten o Deportivo. A afección que ten o Deportivo e o sentimento que ten a xente polo Deportivo é como as familias. Pasamos por momentos moi duros nos últimos tempos e hai esa unión en torno ao Deportivo. Nótase en días como hoxe e durante todo o ano, coa masa social que temos, como nos apoian en todos os campos en calquera tipo de partido: feminino, xuvenil... Por iso doe máis non darlles unha alegría porque levan anos de moito sufrimento, de non recibir nada a cambio de dar moito. Humildemente pedirlles que non deixen caer ao Dépor porque vai máis aló do fútbol. É un sentimento que hai aquí na cidade e fóra dela. Haberá proxecto novo, cambiarán cousas como todos os anos pero eles son os que sosteñen isto".