RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños: "Na segunda parte sobre todo fomos moi, moi superiores. Dos mellores momentos do ano eu creo"

O capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, manifestou ao concluír o partido no Heliodoro Rodríguez López que se marcha coa sensación de "perder 2 puntos. Na segunda parte sobre todo fomos moi, moi superiores, dos mellores momentos do ano eu creo. Tivemos multitude de opcións e non quería entrar. O único que puido facer o CD Tenerife é pegar un balonazo e un penalti que non é".

O capitán deportivista sente "satisfeito por non perder porque tal e como se puxo co penalti podiamos perder pero sería totalmente inxusto. E orgulloso porque o equipo foi protagonista toda a segunda parte, encerrou ao Tenerife atrás e xerou. Logo ás veces tes acerto ou non. Non quixeron entrar as que tivemos pero contentos por como creceu o equipo e a personalidade de levantar resultados ao final. O outro día levantamos coa Ponferradina e hoxe sacamos no desconto un punto importante".

Da xogada do penalti, o mediocentro coruñés opina que co VAR "subiu a cantidade de penaltis unha barbaridade. En Segunda se cabe máis porque se está pitando calquera cousa. Hai que controlar isto porque se está indo das mans. Cunha imaxe podes dicir que lle puxeches un brazo nas costas e logo xa dependes do que simule o rival. Ten que prevalecer moito a sensación no campo e todos sabemos que non houbo nin empuxón nin carga suficiente para que sexa penalti. Pítanse penaltis todos os partidos por contactos que seguramente non son nin falta en mediocampo. O que pasa é que ao ter a imaxe, calquera mínimo contacto pódelo levar ao terreo do penalti porque contactos vai haber. É fútbol, vai haber contacto. Tes que medir a intensidade dese contacto e o beneficio que tes con el".

Asegura Álex Bergantiños que a actitude do árbitro "non é a mellor. Nós o que podemos facer (con Mujaid) é axudalo, arroupalo e tentar corrixirlle un pouco esa teima que ten de saltar co brazo diante. Para nada é penalti pero o día do Rayo pitáronlle por algo parecido. Agora con estas novas normas, hai que tentar saltar sen o brazo en ningunha acción e limitar ese risco".

Lamentouse da lesión de Uche porque "estaba no mellor momento desde que chegou e achegábanos moito. Pero destacar a función de Borja, que fixo un grandísimo partido nunha posición nova para el. Estivo moi implicado, moi concentrado, axudounos moito tanto en defensa como en ataque. É o bo que ten o cadro que temos. Todo o mundo está enchufado e calquera pode achegar sobre todo nesta competición exprés de partidos cada 3 días".