RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños ve no choque de Lugo a "dous equipos en situación límite"

Álex Bergantiños, coruñés e capitán do Deportivo, pasouse pola sala de prensa de Abegondo na semana previa do partido do domingo 19 de maio no Anxo Carro ante o CD Lugo (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV).

Antes de nada, indicou sobre as súas molestias nun bíceps femoral que se atopa "moito mellor. Fixemos unha proba sobre a pequena picada que tiven contra o Cádiz. A proba non se ve ningunha rotura. A ver como vai progresando a semana e as sensacións que vou tendo".

Cualifica o partido en Lugo de "derbi fundamental para os dous equipos. Partido importantísimo para nós. Estamos agora mesmo fóra do play off, practicamente coma se fose unha fase previa para conseguir entrar nese play off. Temos que darlle a maior importancia e máis nese partido coa intensidade emocional que vai haber por ser un derbi, por ser tan próximo, por haber tanto desprazamento de afeccionados nosos, e pola importancia que ten para eles".

Insiste en que "os dous equipos estamos en situación límite, por obxectivos diferentes. Para o Deportivo é importantísimo meterse en play off e seguir optando ao ascenso por todo o que supón ao Club tanto económica como deportivamente. E para o Lugo o mesmo. Caer a Segunda B sería un golpe importantísimo porque é saír do fútbol profesional, con todo o que iso leva".

A estas alturas de campionato, o mediocentro deportivista opina que "non serve de nada" facer contas: "Pase o que pase en Lugo, contra o Mallorca, un rival directo, vai ser determinante. En Segunda estamos a ver todas as fins de semana resultadas que sorprenden, que non esperas. O único que che serve é pensar no teu e tentar sacalo".

Lembra que nesta categoría "a igualdade é máxima. A semana pasada o Mallorca perdeu en Tarragona cando todo o mundo daba ao Nàstic por morto de aquí ao final. Vanse a dar moitos resultados deste tipo. Equivocariámonos en contas dos rivais ou nosas. Non temos ningún partido máis sinxelo que outro. Temos que pensar no que nos toca agora, que é o do Lugo e non pensar máis aló. O único importante que temos que pensar é que se gañamos os 4, dependemos de nós aínda. Se estás a pensar noutros resultados que poida haber en enfrontamentos directos ou esperando fallos dos rivais, ao final esas contas adoitan cambiar. E saes perdendo. A pensar no noso e despois xa veremos o que fan os demais".

Ve ao Dépor capacitado para vencer os 4 partidos que restan: "É algo que non conseguimos ao longo da temporada pero ao final, se queres conseguir os obxectivos tes que sumar con constancia. Non sei os puntos que serán suficientes, pero o obxectivo ten que ser gañar os máximos partidos posibles. Quedan 4 e creo que temos capacidade para poder gañalos. Sabemos da dificultade, da igualdade da categoría e do difícil que é sacar os partidos adiante. Co máximo respecto aos rivais que nos quedan, e con humildade e traballo en cada partido, o equipo está a gañar confianza e ten capacidade para poder conseguilo".

Do equipo lucense, destaca Álex que "ten boas individualidades. Están quizais nesa inercia de que encaixan máis do que lles gustaría pola situación na clasificación, que che xera máis dúbidas. Pero teñen capacidade para marcar goles. O último partido en casa ante o UD Almería fixeron varios goles. É un equipo que arriba ten xogadores que poden marcar diferenzas".