RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: 30 anos do gol que salvou ao Dépor

O 22 de maio de 1988, o Deportivo non conquista título algún, nin sequera logra un ascenso. Con todo, o deportivismo celebra como nunca un gol e unha vitoria que lle concenden o dereito a seguir existindo, a seguir vivindo nun mundo, o do fútbol, que leva xa máis dunha década dándolle as costas, cunha constante sucesión de decepcións, dramas e desgrazas.

Trala caída libre dos anos 70 (descensos consecutivos a Segunda e Terceira), o descenso a Segunda B (1980), os ascensos a Primeira perdidos por aquela arbitraxe televisada de Pes Pérez ante o Burgos (1976), por aquel partido do Rayo (1983), por aquel penalti de Silvi en Oviedo (1986) e por aquel maldito invento do playoff (1987), o Deportivo atópase nunha encrucillada de cara á Temporada 1987-1988.

A débeda económica é unha pesada laxa para a directiva presidida por Andrés García Yáñez que, nunha decisión controvertida para moitos e aplaudida por outros tantos, traspasa á figura do equipo. José Luis Vara vaise ao Betis. Os sevillanos pagan 25 millóns de pesetas polo xenial volante esteirán. O Club acumula un negativo 20 veces maior: uns 500 millóns de pesetas.

A pesar da saída de José Luis, o equipo arranca ben a pretemporada. Os branquiazuis dan a talla no XLII Trofeo Teresa Herrera ante dous equipos de primeiro nivel, o Sporting de Gijón, 4º clasificado en Primeira División o curso anterior e clasificado para a Copa da Uefa, e o Benfica, que vén de conquistar o dobrete Liga-Copa en Portugal.

Na semifinal ante os asturianos, o Dépor vence por penaltis (4-2) tralo 1-1, resultado que se repite na final, esta vez con desenlace desde o punto fatídico favorable aos portugueses (2-3), que levan a Torre de Hércules de prata. Arzubialde, defensa arxentino fichado ese mesmo verán, é elixido mellor xogador. Outra das fichaxes, Javier Sagarzazu, deixa moi boas sensacións.

Só unha semana despois, Sagarzazu convértese en triste protagonista. O lateral dereito procedente da Real Sociedad perde a vida no bus do equipo, camiño de Carral para disputar un amigable fronte ao Ourense. A noticia supón un mazazo case definitivo para o club, para o vestiario. En definitiva, para o deportivismo, que se pregunta, atónito: "¿Que máis nos pode ocorrer?"

Con Eusebio Ríos no banco, o equipo non acaba de arrancar. Aínda que gaña os seus dous primeiros partidos en casa, chega á 6ª xornada en postos de descenso a Segunda B. Trala 7ª xornada, malia derrotar ao Hércules (1-0) en Riazor, Ríos é destituído. O técnico do Fabril, Luis Rodríguez Vaz, toma as rendas.

Vaz non é capaz de darlle a volta ao equipo. O balance co técnico ourensán é desolador. Unha soa vitoria, por 1-0 ante o Raio (o que supuxese ese resultado só catro anos antes...) en 17 encontros.

García Yáñez, nos seus derradeiros días como presidente, confíao todo a Arsenio Iglesias, que asume a dirección do primeiro equipo deportivista por terceira vez na súa carreira. O 'Raposo de Arteixo' colle ao equipo na 18ª praza, a 3 puntos da salvación, trala derrota ante o Recreativo de Huelva (4-1) que custa o cargo a Vaz.

Tampouco reacciona de inmediato o equipo co tótem deportivista ao mando. A nova 'era Arsenio' arranca con dous empates e unha derrota, que completan a, a día de hoxe, peor serie histórica do Club: 17 xornadas consecutivas sen gañar. Na 28ª xornada córtase a sangría, cun contundente 3-0 ao Tenerife. Con dez partidos por diante, os branquiazuis son penúltimos, aínda que para nada están desafiuzados, pois se atopan a só 2 puntos dos postos de permanencia.

Malia sumar dúas vitorias consecutivas, 2-1 ante o Figueres e 0-1 en Cartaxena (único triunfo do curso lonxe de Riazor), o Dépor plántase na 32ª xornada na penúltima praza. A estas alturas parece claro que os 4 descensos sairán dos últimos 5 clasificados: Granada, Hércules, Bilbao Athletic, Deportivo e Cartagena. Só se salvará un.

"Un puntiño é un puntiño", dicía Arsenio. E efectivamente, punto a punto, o Deportivo mantén as constantes vitais. Empata en casa ante o Lleida e cae en Madrid ante o Castilla, para posteriormente sumar catro igualadas consecutivas: en Riazor ante o Oviedo, en Elxe, en casa fronte ao Málaga e en Burgos.

Con Cartagena e Granada xa convertidos en equipos de Segunda B a falta de 4 e 3 xornadas para o final, respectivamente, a loita queda entre Dépor, Hércules e o filial bilbaíno.

O punto logrado ante un Málaga xa matematicamente ascendido a Primeira, na 36ª xornada, adquire tinguiduras épicas. Os andaluces gañan 0-2 a un cuarto de hora da conclusión. Vicente acurta distancias no minuto 78. Gil logra o 2-2 definitivo no minuto 95. Sen ese gol faría falta un verdadeiro milagre nas dúas últimas xornadas para evitar a caída á terceira categoría.

Malia que non fai falta un milagre na xornada definitiva, o Deportivo tampouco o ten fácil, pois non depende de si mesmo. Para salvarse debe gañar ao Racing de Santander e que o Bilbao Athletic perda en Xerez. Pola súa banda, o Hércules debe gañar ao Castellón no José Rico Pérez e esperar que os 'cachorros' perdan e o Dépor non gañe. O posible triplo empate (se perde o Bilbao Athletic e gañan coruñeses e alacantinos) salva ao Dépor, que suma 5 puntos nos seus enfrontamentos directos, por 4 do conxunto herculano e 3 do filial branquivermello.

Cabe apuntar que hai dous goles vitais para que o Deportivo non estea morto antes dos últimos 90 minutos do campionato e que ao cabo resultan definitivos. Son os que valen a vitoria en Riazor ante o Bilbao Athletic (1-0), obra do inglés Louie Donowa, e o empate en San Mamés (1-1), anotado por Silvi.

O chamamento ao deportivismo e os prezos populares congregan a uns 10.000 afeccionados en Riazor (12.000 segundo Mundo Deportivo, 9.000 segundo La Voz de Galicia), cando a media da temporada sitúase nos 5.000 espectadores. A directiva, presidida xa por entón de forma interina por Julio Meana, ofrece 200.000 pesetas aos xogadores en caso de lograr a permanencia. Tamén se fala dun Racing de Santander primado polo Hércules con 4 millóns de pesetas.

O Deportivo salta ao céspede con Jorge; Modesto, Portela, Blesa, Ramón; Cayetano, José Ramón, Aspiazu, Gil; Vicente e Donowa. O Racing de Santander, que viaxa con nada menos que 7 baixas, forma con Alba; Mauri, Cantudo, Villita, Óscar; Ocenda, Juan Carlos, Aitor, Gabi; Víctor e Miro. Nas filas cántabras xogan dous coruñeses: Mauri, exjugador deportivista, e Miro, que aínda que nacido en Marineda e de sangue galego se cría e forma en Santander. O catalán Sus Barluenga é o encargado de dirixir a contenda.

O partido comeza con 11 minutos de atraso sobre o horario previsto, as 6 da tarde. Arsenio quere saber que ocorre en Jerez de la Frontera. As cousas non empezan ben para os deportivistas. José Ramón, lesionado, pide o cambio no minuto 10. Fontana ocupa o seu lugar.

Por entón, os santanderinos xa demostraron que non veñen de paseo a Riazor. No minuto 9, Víctor estrela no poste un potente remate. Á media hora, os deportivistas empezan a dominar con maior intensidade, pero ao descanso chégase con 0-0. Aínda que cunha alegría: o Xerez xa gaña ao Bilbao Athletic cun gol de Dieguito.

A segunda metade comeza cunha cabezada de Fontana ao poste. Con todo sentenciado no estadio Domecq tralo segundo gol do Xerez, nun penalti transformado polo arxentino Dante Sanabria, en Riazor os nervios e a actuación do meta visitante xogan unha mala pasada após outra. Ocasións de Donowa, Ramón ao saque dunha falta, Vicente, Gil, senllas cabezadas de Portela... Reclámanse unhas mans de Villita na área e unha pena máxima de Óscar sobre Hidalgo, que substitúe a Ramón no minuto 63.

No tempo engadido, minuto 92, Aspiazu lanza un córner, o 17º para o equipo branquiazul. Salta Fontana pero Javi gáñalle a partida. O balón cae rexeitado a pés de Hidalgo, ao bordo da área, escorado cara á dereita. 'Chuchi', coa súa bota esquerda, mete o balón cara á área pequena. Vicente, en posición correcta, corta a súa traxectoria. Contrólao, o acomoda á súa perna boa, dispara e por baixo supera a Alba. É a éxtase. Vicente corre cara a Xeneral. O goleador regala a súa camiseta aos afeccionados. O Deportivo queda con dez. Xa dá igual, pois só xógase un minuto máis.

O Dépor queda en Segunda, empatando a 31 puntos co Bilbao Athletic. Grazas á diferenza de goles. Grazas a aqueles goles de Donowa e Silvi. Pero sobre todo, grazas ao gol de Vicente, o agónico tanto que marcou un antes e un despois na historia do Club.

Nesta ligazón podes ver, a partir do minuto 1:18:54, un pequeno resumo do partido.

O histórico gol de Vicente, as circunstancias que rodearon a aquel equipo e o que significou posteriormente son diferentes aspectos que pretende plasmar 'Dépor 88'. Para poder desenvolvelo, Chiripa Producciones atópase inmersa na procura de financiamento a través dunha campaña de crowdfunding dispoñible na plataforma de micromecenazgo Verkami.