RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Hoxe hai 25 anos que o Dépor quedaba a 11 metros da Liga

- Foto: Xosé Castro/La Voz de Galicia -

Tal día como hoxe hai 25 anos, o 14 de maio de 1994, o Deportivo acariñaba a gloria, ao quedar a un só paso do título de Liga de Primeira División protagonizando o desenlace máis cruel nos 90 anos de historia do campionato nacional.

O Deportivo vén de lograr a primeira clasificación europea da súa historia, mercé a unha sensacional terceira praza na Liga 1992-1993. Cunha aliñación das que se recitan de memoria e apenas fondo de armario, a directiva proponse dotar de maior profundidade de banco ao equipo para crecer nos seus desexos de alcanzar o primeiro título da historia do fútbol galego.

No verán de 1993, súmanse ao cadro branquiazul o porteiro Elduayen (Burgos), os defensas Voro (Valencia) e Paco (Rayo Vallecano), os centrocampistas Donato e Alfredo (Atlético de Madrid) e os dianteiros Manjarín (Sporting) e Pedro Riesco, tamén do Rayo. Arsenio Iglesias arranca, por segunda campaña consecutiva, aos mandos da nave branquiazul.

O equipo inicia o campionato con tan bo ton que mesmo na 3ª xornada alcanza o liderado, despois de vapulear ao Real Madrid (4-0) en Riazor. Após encadear tres partidos sen marcar, entre os que se atopa a súa primeira derrota –en casa, por 0-1, ante a Real Sociedad–, o Dépor perde a cabeza, pero nunca se afasta en demasía da cabeza da táboa. Unha serie de 5 vitorias nos 7 partidos posteriores devolven ao equipo, após vencer ao Racing de Santander no último suspiro do duelo da 14ª xornada mercé a un espectacular gol de libre directo de Bebeto, á primeira posición.

Ese posto deféndeo a Deportivo mercé a un brillante desempeño, que inclúe só 2 derrotas máis –no Bernabéu por 2-0 e 3-0 no Camp Nou– e unha serie de 5 vitorias consecutivas, da 30ª á 34ª xornada: 4-1 ao Athletic, 2-5 en Oviedo, 2-1 ao Atlético, 0-1 en Santander e 2-0 ao Tenerife.

Após chegar a contar con até 5 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o equipo coruñés chega a 4 xornadas da conclusión con 3 puntos –a vitoria aínda vale 2– sobre o Barcelona. O cadro azulgrana protagoniza unha segunda volta practicamente inmaculada, a partir dunha vergoñosa derrota (6-3) en La Romareda, na 23ª xornada.

Dous empates sen goles ante equipos da zona baixa, Lleida e Rayo Vallecano, unidos a senllas vitorias azulgranas por 4-0 –en Balaídos e ante o Sporting na Cidade Condal– reducen a vantaxe deportivista a 1 só punto con 2 choques por diante. Na penúltima xornada, os branquiazuis xogan en Las Gaunas provisionalmente superados polo Barcelona, que gaña o sábado no Bernabéu (0-1) un partido no que o Madrid ten nas súas mans dar a Liga ao Deportivo. Os goles de Donato e Manjarín en Logroño permiten que os branquiazuis se planten a 90 minutos do final do campionato dependendo de si mesmos para alzarse co título.

Deportivo-Valencia e Barcelona-Sevilla. O 14 de maio de 1994, a partir das 20:30 horas, os dous candidatos ao cetro ligueiro xogan baixo a calor da súa afección. O Dépor faino con vantaxe. Sabe que se gaña é campión. E que mesmo pode selo aínda sen vencer, sempre que logre o mesmo resultado que se dea no Camp Nou.

Arsenio Iglesias pon en liza ao equipo máis repetido da temporada, con excepción de Claudio, lesionado. A saber, Liaño; López Rekarte, Voro, Djukić, Ribeira, Nando; Donato, Mauro Silva, Fran; Manjarín e Bebeto. Pola Valencia de Guus Hiddink, que ocorra o que ocorra acabará no 7º posto –sen acceso a competicións europeas–, xogan González; Quique Flores, Serer, Camarasa, Giner; Mendieta, Arroyo, Fernando, Álvaro; Mijatović e Gálvez.

A primeira alegría chega desde Barcelona. Simeone adianta ao Sevilla no Camp Nou aos 12 minutos. Aínda que Stoichkov empata (minuto 20), os nervionenses volven levar a alegría a Riazor ao fío do descanso, grazas a un gol de Šuker. En Riazor, até entón, González, que xoga debido á expulsión do porteiro titular Sempere na xornada anterior, frea as escasas acometidas dun nervioso Dépor. Entre elas, un remate a pelacorpo de Donato á saída dun córner que detén, practicamente sen querer, co seu rostro.

Ao descanso do último partido, o Deportivo é campión. Pouco cambian as cousas no municipal herculino no arranque da segunda parte. Só un disparo de Rekarte levanta o "uy" na bancada. Case ao mesmo tempo, no minuto 50, Stoichkov logra o empate para o Barça. O tempo pasa na Coruña ante a impotencia de todos, sabedores de que o Barcelona deu un paso á fronte. Os culés pasan a ser virtuais campións no minuto 70, cando Romário fai o 3-2. Cinco minutos máis tarde, Laudrup sentenza co 4-2. Entre medias, Arsenio fai un cambio, o único de todo o partido, nas filas deportivistas. Saca do campo a Donato para dar entrada a Alfredo.

Pouco despois de que Bakero anote o 5-2, os transistores silencian o Camp Nou. "¡Hai penalti en Riazor!" Corre o minuto 89 cando, após unha acción entre Mauro Silva, Alfredo e Bebeto, Nando é derrubado por Serer dentro da área. López Nieto, o mellor árbitro español do momento, non ten a mínima dúbida á hora de sinalar o punto, máis fatídico que nunca.

Con Donato, primeiro lanzador, fóra do campo, a responsabilidade recae en Djukić. O serbio ten nos seus pés a ocasión de facer historia. Seis zancadas. Golpeo co interior do pé dereito, a nivel de herba. González adiviña a dirección e lanzándose cara á súa dereita atrapa a pelota. O soño se esfuma porque apenas hai tempo para que suceda nada máis.

O definitivo empate a 56 puntos dá o campionato ao Barcelona grazas á diferencia de goles particular. O 3-0 do Camp Nou –o Dépor imponse por 1-0 na primeira volta– acaba sendo determinante. Aquel 14 de maio de 1994, non só chora A Coruña. Faino media España, plenamente indentificada cun equipo que se gaña con suor o agarimo da xente, pero ao que a gloria se lle escapa da forma máis dramática.