RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: O Dépor conquistaba Maracanã fai un cuarto de século

Fotos: La Voz de Galicia / César Quián

Tal día como hoxe hai 25 anos, o Deportivo visitaba por segunda vez na súa historia un dos templos do fútbol mundial, o Estádio Jornalista Mário Filho, máis popularmente coñecido como Maracanã, para enfrontarse a un dos grandes do fútbol brasileiro, o Vasco da Gama.

Os branquiazuis foron convidados a medirse á conxunto carioca o 24 de marzo de 1993, no encontro de homenaxe e despedida a unha das súas grandes lendas, o dianteiro Roberto Dinamite, autor de 711 goles en 1.140 partidos coa camiseta vascaína, ademais de 20 en 38 internacionalidades coa 'canarinha'.

Non era a primeira vez que o Dépor pisaba o lendario recinto, porque xa o fixera en 1954. Alí disputou dous partidos na xira na que saltou por primeira vez o 'gran charco', ambos os dous saldados con derrota: 4-1 ante o Flamengo e 3-0 fronte ao Fluminense. Alí, como xogador, xa estivera Arsenio Iglesias, que agora repetía desde o banco.

Dous días antes do encontro, o luns 22 de marzo, a expedición coruñesa parte de Alvedro rumbo a Río cunha primeira escala en Madrid. Só unhas horas antes, o equipo vapulea ao Burgos (5-0), en partido da 27ª xornada ligueira de Primeira División. Os deportivistas, a 11 xornadas do final do campionato, son terceiros, a 3 puntos do líder, o Barcelona, e a 1 do segundo, o Real Madrid.

Apenas unha ducia de afeccionados acompañan á expedición oficial (un total de 200 apoian ao equipo en Maracanã), na que viaxa todo o cadro, incluídos o búlgaro Atanas Kirov e o serbio Miroslav Djukic, a pesar de que esquecen solicitar os visados regulamentarios. Tamén voan as familias de Mauro Silva e Bebeto, principal artífice de que os branquiazuis disputen o encontro.

O equipo toma terra en Río no medio dunha inusitada expectación. Pero non, o xentío e a prensa non esperan ao Dépor, senón á selección brasileira sub-20 que vén de conquistar en Australia a Copa do Mundo da categoría. Con todo, a aparición das dúas grandes figuras deportivistas eclipsa aos rapaces 'canarinhos', entre os que se atopa Dida, 11 anos despois porteiro do Milan na histórica remontada de Riazor.

Pouco despois de instalarse no Hotel Intercontinental, o cadro desprázase ás instalacións do Vasco da Gama para adestrar. O Estádio São Januário recibe aos pupilos de Arsenio con varias instantáneas peculiares, como a dun xornalista narrando o adestramento a viva voz, no medio do silencio dunhas bancadas baleiras, vía teléfono inalámbrico. Ou a dese mesmo locutor trotando polo lateral do campo, a par de Bebeto, en pos dunha surrealista entrevista.

A pesar dos desexos dos xogadores de refrescarse na famosa praia de Copacabana, o código de conduta do corpo técnico impídeo. O cadro ponse o bañador e as chanclas pero non pode probar a auga. Nin praias nin piscinas en véspera de partidos.

Ao día seguinte, primeira visita a Maracanã. E primeiro chasco, nunha toma de contacto no adestramento previo ao partido que decepciona aos xogadores. Todos se sorprenden pola enorme altitude da herba e a vellez dunhas instalacións que xa teñen medio século de vida.

Segundo chasco. A RFEF obriga a Adolfo Aldana e Claudio Barragán a regresar a España para sumarse á convocatoria da selección nacional, que o 31 de marzo xoga un importante partido de clasificación para o Mundial de 1994, en Copenhague fronte a Dinamarca.

O mércores, a gran festa. Ao redor de 50.000 espectadores (aínda que oficialmente só 28.926 pasaron polo despacho de billetes) danse cita en Maracanã para despedirse de Roberto Dinamite, observar ao equipo español no que xogan Bebeto e Mauro Silva e que bautizan 'La Coruña' nos marcadores electrónicos e presenciar un feito insólito como é ver a Zico, o gran ídolo histórico do archirrival Flamengo, vestindo por primeira e única vez a camiseta do Vasco, empuxado pola súa amizade con Roberto. Sirva como exemplo que en Brasil se lembra o partido a día de hoxe preguntándose "¿Imaxínase a Messi coa camiseta do Madrid na despedida de Cristiano Ronaldo ou viceversa?" 'O Galinho' aínda xoga profesionalmente en Xapón, co Kashima Antlers.

Con 25 minutos de atraso sobre o horario previsto (as 21:00 hora local, 01:00 do día 25 en España), e despois de centos de fotografías, entrevistas, entregas de obsequios e mesmo un saque de honra efectuado polo piloto de Fórmula Uno Nelson Piquet, arranca o partido.

Baixo as ordes do colexiado José Roberto Wright, os equipos forman así. Polo Vasco, dirixido por Joel Santana, xogan Carlos Germano; Pimentel, Tinho, Jorge Luís, Cássio; Luisinho, Leandro Ávila, William, Zico (Geovani, min. 46); Roberto Dinamite (Valdir Bigode, min. 80) e Bismarck. A aliñación do Dépor é a seguinte: Liaño (Yosu, min. 46); Mariano, Albístegui (Sabin Bilbao, min. 81), Djukic, Ribeira, Nando; Marcos Vales (Ramón, min. 72), Mauro Silva, José Ramón, Fran; e Bebeto (Antonio, min. 46). No banco quedan sen xogar López Rekarte, Serna, Lito, Mujika, Juanito, Kirov e Villa.

Clica aquí para ver o vídeo íntegro do partido con narración de Globo TV

Bebeto adianta ao Dépor no minuto 37 da primeira metade, após unha fenomenal parede con Albístegui na frontal da área, definida polo '11' coa calidade habitual.

O encontro detense 9 minutos a partir do 80, en que Roberto Dinamite recibe o agarimo de compañeiros, rivais, afeccionados e club. antes de ser substituído. Hai que esperar até o tempo engadido da segunda metade para ver o segundo e definitivo tanto. Djukic rouba un balón a Jorge Luís e lanza un veloz contragolpe en superioridade numérica. O serbio abre cara á dereita para José Ramón e este centra ao segundo pau cara a Nando, que cabecea en prancha ao fondo das mallas.

O triunfo, á parte de ser o primeiro do Dépor no templo do fútbol brasileiro, pon fin a unha espectacular xeira do conxunto carioca: 33 encontros sen perder, desde o 1 de xullo de 1992 nun Vasco-Flamengo (0-2) da segunda fase do Campionato Brasileiro de Serie A, cando Bebeto aínda formaba nas filas cruzmaltinas.

"Queriamos quedar ben, representabamos a España, a Galicia. Non se pode tirar o prestixio así como así", resume Arsenio á conclusión do choque.

Após o partido, toca esmorga. O escenario, a sala de festas Scala, propiedade dun empresario de Agualada, no concello coruñés de Coristanco: Chico Recarey. O Dépor estrea traxe e gravata. Roberto Dinamite regala un reloxo a cada comensal coa lema da homenaxe, 'Valeu, Roberto!', na esfera. Cea, música e baile até altas horas da madrugada completan un periplo inesquecible, que se pecha cun novo chasco. A directiva branquiazul afirma que a organización da homenaxe incumpre a súa promesa de pagar o 50 por cento da recadación ao Dépor, que percibe 26.000 dólares pola súa participación.

Non é a última visita do Dépor a Brasil (volvería un ano e dous meses despois, á conclusión da Liga 1993-1994, para enfrontarse ao Palmeiras e ao Paraná), pero si ao lendario Maracanã, demolido (solo mantén a fachada) e reconstruído entre 2010 e 2013 para albergar a Copa do Mundo de 2014 e os Xogos Olímpicos de 2016.