RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Un cuarto de século do primeiro título branquiazul, a Copa de 1995

- Alfredo adiántase a Zubizarreta para marcar o gol da vitoria (Foto: Pedro Puig) -

O deportivismo festexa hoxe, 27 de xuño de 2020, o 25º aniversario do primeiro título da súa historia e do fútbol galego, a Copa do Rei de 1995, trala final máis longa do centenario trofeo.

Só 13 meses despois de perder a Liga de Primeira División da maneira máis cruel, o Deportivo puido tomarse o desquite contra o equipo que en última instancia arrebatáralle o soño.

A campaña 1994-1995 comezaba con moi poucos cambios no cadro branquiazul. Arsenio Iglesias continuaba por terceira campaña consecutiva no banco deportivista, coa columna vertebral do seu cadro intacto. Abandonaban A Coruña xogadores como Mariano (RC Celta), Marcos Vales (Sporting de Gijón), Serna (RCD Mallorca) ou Juanito (Racing de Ferrol) e unicamente producíanse 3 incorporacións: Julio Salinas (FC Barcelona), Villarroya (Real Madrid) e Kostadinov (FC Porto).

Ao participar na Copa da UEFA, o Deportivo quedou exento das primeiras eliminatorias copeiras. Despois de eliminar a Rosenborg e Tirol Innsbruck, o conxunto branquiazul caeu nos oitavos de final a mans do Borussia Dortmund, o 6 de decembro de 1994. O camiño no torneo do KO arrancou na mesma eliminatoria na que acababa a ruta por Europa. O Deportivo mediuse á UE Lleida, o 8 de febreiro de 1995, no Camp d'Esports da capital ilerdense, onde o Dépor sentenciou a eliminatoria cun contundente 0-3. O encontro de volta revolveuse cun 4-1 protagonizado por Julio Salinas, autor dun 'hat-trick'.

Os cuartos de final depararon un duelo fronte ao entón 'rei de copas', o Athletic Club, posuidor de 23 títulos por 22 do FC Barcelona e 17 do Real Madrid. O Deportivo liquidou a eliminatoria nun fantástico encontro de ida, no que se impuxo por 3-0 a un rival adestrado por Javier Irureta, que anos despois dirixiría aos coruñeses na súa época de maior éxito. O encontro de volta concluíu sen goles a pesar de que López Nieto expulsou a Bebeto pouco antes do descanso, após un boureo propiciado por un tanto anulado a Aldana.

O sorteo de semifinais foi benévolo co Deportivo, que evitou ao Valencia CF, verdugo do Real Madrid en oitavos de final, e ao Albacete Balompié, vencedor do Atlético de Madrid en cuartos. Os branquiazuis tiveron que verse as caras cun Sporting de Gijón que unhas semanas despois salvaría a súa praza en Primeira División nunha igualada promoción ante a UE Lleida (2-2 e 3-2). Os 'chés' deixaron na cuneta aos manchegos (1-1 e 1-2), que ao cabo darían cos seus ósos na categoría de prata nunha promoción de auténtica tolemia fronte ao UD Salamanca (0-2 no Helmántico e 0-5 no Carlos Belmonte).

O Dépor, pola súa banda, daba boa conta do conxunto xixonés. O triunfo no encontro de ida, en El Molinón (0-2) con goles do ex sportinguista Manjarín na primeira parte e do posteriormente futbolista do club xixonés Julio Salinas na segunda, abría as portas da finalísima. Dúas semanas despois, a pesar da derrota pola mínima en Riazor (gol de Lediakhov no minuto 10), o Deportivo coábase por primeira vez nunha final de Copa. Entre medias, escapábase a posibilidade de alcanzar un histórico dobrete, ao caer no Bernabéu fronte ao Real Madrid (2-1) en partido da antepenúltima xornada de Liga.

Así pois, o desquite estaba servido. Deportivo e Valencia CF volvían cruzar os seus camiños o 24 de xuño de 1995, un ano, un mes e dez días despois do penalti de Djukić. Ás 21:00 horas, arrancaba o partido no Santiago Bernabéu, abarrotado polas afeccións dun equipo que ansiaba estrear o seu palmarés e outro que non gañaba un trofeo oficial desde a conquista da Supercopa de Europa en 1980.

O principal ausente foi Mauro Silva, que viviu o seu peor ano como deportivista a consecuencia da lesión coa que regresou do Mundial de Estados Unidos do verán anterior. O resto da formación foi a clásica do 'SuperDépor', coa excepción da entrada de Manjarín por Claudio. No conxunto levantino, as baixas máis notables eran as de Jorge Otero e Álvaro Cervera.

Os branquiazuis comezaron dominando o partido como era costume. Aínda que o Valencia CF gozou dalgunha clara oportunidade ao contragolpe, o Deportivo adiantouse no marcador no tramo final do primeiro período. Giner entretívose na saída do balón, Manjarín arrebatoulle a pelota e ante a saída de Zubizarreta cruzou o coiro con potencia sen que o porteiro rival puidese facer nada para evitar o tanto.

Na segunda metade equilibráronse as forzas. Á vez que o céspede se asolagaba, intensificábase a presión por parte do conxunto dirixido por José Manuel Rielo. O ceo xa descargara unha importante cantidade de auga cando Mijatović, nun libre directo por unha dubidosa falta sobre Roberto, lograba o tanto do empate. Segundos antes, o colexiado anulara inxustamente un gol a Fran, por unha infracción inexistente sobre Giner.

O terreo de xogo era impracticable desde moitos minutos antes, pero o colexiado só detivo o encontro no momento en que a auga se converteu en saraiba, por momentos do tamaño de pelotas de golf. O partido foi suspendido no minuto 80 e tivo que reiniciarse 3 días despois, ás 20:30 horas do martes 27 de xuño de 1995 para disputarse os 10:26 minutos restantes máis a prolongación que considerase García-Aranda, que finalmente foi de 3 minutos. Os adestradores tiveron a posibilidade de introducir os cambios que desexasen salvo de xogadores que xa fosen substituídos con anterioridade, pero nin Arsenio nin Rielo recorreron a iso.

Donato gañou a Roberto o saque neutral para reiniciar a final, co marcador sinalando o minuto 34:34 da segunda metade. Só 55 segundos despois, Alfredo gañaba as costas a Juan Carlos nun centro de Manjarín. O centrocampista madrileño controlaba co peito e de cabeza anticipábase á saída de puños de Zubizarreta para marcar o gol do triunfo deportivista.

José Ramón, capitán deportivista que non disputou un minuto na final, subiu ao palco presidencial a recibir o trofeo de mans do Rei Juan Carlos no medio dunha inesquecible festa na metade branquiazul das bancadas do Bernabéu. O Deportivo converteuse no 13º equipo campión da Copa de España, lista que só se ampliou desde entón nun equipo máis, o RCD Mallorca, vencedor en 2003.

Esta é a ficha técnica do partido:

RC Deportivo: Liaño, López Rekarte, Voro, Djukić, Ribera, Nando, Aldana (Alfredo, min. 52), Donato, Fran, Manjarín (Claudio, min. 90+1) e Bebeto.

Valencia CF: Zubizarreta. Mendieta, Giner, Camarasa, Juan Carlos (Gálvez, min. 79), Poyatos, Roberto, Mazinho, Fernando, Mijatović e Penev.

Goles: 1-0 Manjarín (min. 35); 1-1 Mijatović (min. 70); 2-1 Alfredo (min. 81).

Árbitro: García-Aranda Encinar (c. madrileño). Expulsou a Mendieta por dobre amoestación (min. 90+1). Cartóns amarelos a Juan Carlos (min. 33), Mendieta (min. 57), Bebeto (min. 84) e Manjarín (min. 85).

Incidencias: final da 93ª edición do Campionato de España Copa da Súa Maxestade o Rei, disputada no Estadio Santiago Bernabéu ante uns 95.000 espectadores (día 24) e ao redor de 80.000 afeccionados (día 27).

Os xogadores que compuñan o cadro deportivista durante aquela campaña, coa súa participación nos 7 partidos de Copa entre paréntese, eran os seguintes:

Porteiros: Liaño (5 partidos-1 gol encaixado), Canles (1-1) e Elduayen (1-1)
Defensas: Djukić (7-1 gol), Voro (7), Ribera (7), López Rekarte (6), Nando (6), Villarroya (4) e Paco (-)
Centrocampistas: Donato (6-2), Fran (6), Aldana (6), Alfredo (5-1), José Ramón (4), Mauro Silva (1) e Viqueira (-)
Dianteiros: Manjarín (6-3), Bebeto (5-2), Julio Salinas (4-4), Claudio (4-1), Kostadinov (-, ao Bayern Múnic en xaneiro) e Pedro Riesco (-)

Estes foron todos os resultados do equipo branquiazul na Copa 1994-1995:

1/8 Lleida 0 - Deportivo 3 (Claudio, Donato de penalti e Bebeto)
1/8 Deportivo 4 - Lleida 1 (Julio Salinas -3- e Djukić)
1/4 Deportivo 3 (Bebeto, Donato e Manjarín) - Athletic Club 0
1/4 Athletic Club 0 - Deportivo 0
1/2 Sporting de Gijón 0 - Deportivo 2 (Manjarín e Julio Salinas)
1/2 Deportivo 0 - Sporting de Gijón 1
Final Deportivo 2 (Manjarín e Alfredo) - Valencia 1