RCD / NOVAS

Athenea fai historia no Dépor ABANCA ao debutar coa selección española con tan só 19 anos

23/10/2020 23:10

- Foto: Facebook sefutbolfem -

Athenea del Castillo fixo historia esta noite para o Deportivo ABANCA. Manu Sánchez conta nas súas filas con varias internacionais venezolanas, costarriqueñas e colombianas.

Esta noite no Estadio de La Cartuja de Sevilla, Athenea foi a primeira xogadora deste Deportivo ABANCA en debutar na selección española absoluta, e con tan só 19 anos. Toda unha promesa do fútbol feminino hispano feita xa realidade.

Corría o minuto 87 do encontro clasificatorio para a Eurocopa entre España e a República Checa. O partido estaba sentenciado (4-0) a favor das españolas.

O seleccionador Jorge Vilda ordenou saltar ao campo a Athenea en substitución da futbolista azulgrana Mariona Caldentey.

Apenas tivo tempo de tocar a pelota nos pouco máis de 3 minutos de xogo, pero sen dúbida é un paso máis na carreira desta xogadora do Dépor ABANCA polo menos até 2022. Sen dúbida unha noite que nunca esquecerá.

Só falta agora que tanto ela como Peke, esta aínda por debutar, sigan contando para o primeiro equipo feminino nacional nas próximas citas internacionais.

Athenea incorporouse o pasado mércores 20 de outubro á concentración de España en substitución da lesionada Lucía García.

Tralo partido ante as checas, a xogadora branquiazul regresará mañá sábado á Coruña e o luns 26 incorporarase aos adestramentos co Dépor ABANCA, previo paso pola sala de prensa telemática do Club.