Bakkali cre que o Dépor ten cadro "para estar entre os dez primeiros"
Zakaria Bakkali compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo.
Titular para Cristóbal Parralo nos dous últimos encontros, o atacante deportivista manifestou estar "moi contento. A todo o mundo gústalle xogar e o equipo está a xogar ben".
Preguntado polos cambios após a chegada ao banco de Cristóbal, Bakkali advirte que "o vestiario sempre estivo moi unido tanto con Pepe Mel como con Cristóbal".
Apunta que o novo técnico deportivista pídelle sobre todo "un contra un" en ataque e confesa que non lle obsesiona a súa falta de gol: "Con tranquilidade en canto chegue o primeiro gol chegará o segundo, o terceiro. Hai que ter paciencia".
Está convencido que o Deportivo "ten equipo para estar entre os dez primeiros clasificados. Temos bos xogadores. Hai xogadores lesionados que se van a incorporar agora e mellorarán o equipo".
Recoñece a nivel particular que "teño moito que mellorar, pero con paciencia e tranquilidade todo vai chegar". "Segundo vaia pasando o tempo e cos partidos, verase", engade.
Cedido esta temporada pola Valencia CF, o extremo belga subliña que "estou moi contento aquí. Lévome moi ben cos compañeiros, cos adestradores. Ao final de temporada verase se sigo aquí".
Do encontro en Málaga, pertencente á xornada 12ª de LaLiga Santander, previsto para o domingo 19 de novembro (12:00 horas, Bein LaLiga), di o internacional belga que "se propón cada partido como finais que hai que gañar, independentemente que sexa o Málaga ou o Atlético. Sempre quero dar o cento por cento".