RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja apunta que este ano "nos ten que servir para aprender"

Borja Valle, titular a pasada fin de semana ante o FC Barcelona no Estadio ABANCA-RIAZOR, foi o protagonista esta tarde na sala de prensa de Abegondo.

O dianteiro deportivista recoñece que están a ser unhas semanas para o Deportivo "difíciles, decepcionantes e tristes. A nivel individual un pouco contento porque chegou esa recompensa ao traballo de todo un ano. Pero ao final amargura e tristeza pola situación do equipo".

Nesta liña, confesa que "durante moito tempo non fun o home máis feliz do mundo. Esa é a realidade e díxeno sempre. Agora síntome feliz, estou a gusto e aínda non acabou este ano, como para pensar no que vén".

Sobre o seu futuro, advirte que "teño contrato aquí. Non se o que pasará nin como se desencadeará todo. Teño contrato e creo que ten peso, o peso necesario para non pararme a pensar que pode pasar".

Analiza a temporada afirmando que "é fútbol. Ao final cando ti planificas dunha maneira, tes unha idea, creas un grupo moi bo con bos xogadores, bo ambiente, crees que todo é positivo e vai saír ben. Ao final é fútbol, as cousas non acaban de saír, non acaban de chegar os resultados. A chegada de Clarence deunos moita claridade. Deunos unha idea, unha identidade, unha base que nos faltou durante boa parte da temporada. Se isto chegase antes, non estariamos nesta situación. Isto é fútbol e todo pode suceder".

Subliña que é un ano "triste para o deportivismo, para os xogadores, para todo o que rodea a este escudo. Era un ano con outra idea totalmente diferente e mira como acabou. Isto tennos que servir para aprender. As cousas véxoas así. Que sempre sirvan para sacar algo positivo. E se o ano que vén compite en Segunda División, o faga da mellor forma posible, que consiga o obxectivo marcado. E esperemos que isto sexa unha nova etapa e que sexa moi positivo para o Club".

Con #ONOSODERBI en Balaídos ante o Celta a pouco máis de 48 horas, este sábado 5 de maio (18:30, Bein LaLiga), opina Borja Valle que "para o deportivismo é un momento triste para nós porque perdes ese aliciente que che dá xogar un derbi. Ao final sabes o que significa para o deportivismo, Temos que afrontalo con esa idea, esa ilusión, esa ambición de levarnos os 3 puntos, de defender o noso escudo. E iso ten que ir por diante de todo".

Non lle dá importancia aos 6 meses que pasou na canteira do Celta: "Non foron 6 meses moi bos. Foi un tempo que me axudou a aprender, a mellorar, a valorar. Doulle as grazas por vivir esta situación. É outro partido que vou xogar co Deportivo. Xa me enfrontei ao Celta".

Sabe que a pesar das circunstancias, a afección "vai estar aí. É un partido especial para eles. Por iso temos que entregarnos ao cento por cento aínda que na clasificación non te xogues moito".

Preguntado pola continuidade de Seedorf no banco do Dépor, Borja recoñece que "é unha persoa que nos axudou moito. O único que trouxo é positivismo e mellorou ao equipo". Iso si, é consciente que agora son decisións "da xente de arriba. Non nos compete a nós", conclúe.