RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Granero: "En pretemporada viuse a dous equipos que ían loitar por obxectivos similares"

Borja Granero atendeu esta mañá aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo, nunha rolda de prensa telemática.

O central deportivista cualifica o choque ante o Pontevedra CF deste sábado 5 de decembro en Pasarón (17:00 horas, TVG) como "importante pero ao final o traballo ten que ser o mesmo. Ten que enfocarse a semana coa mesma ilusión e ganas de facer un bo partido. Sabemos que será un partido diferente ao de pretemporada, moi díficil. O que queremos é traernos os tres puntos".

Cre que non só os dianteiros (Rufo e Charles) senón "todo o equipo está a facer as cousas ben. E se lle sumas o traballo que están a facer arriba, como se compenetran e traballan os dous xuntos, será un reto para nós. Tentaremos darlle seguridade e confianza á xente que está diante nosa. E ao que lle toque xogar que o faga o mellor posible a nivel defensivo e desconécteos o máximo posible do xogo".

Advirte que até a data "todos os partidos están a ser difíciles e son importantes. Non menosprezo a ningún rival. O partido (do sábado) si é importante pero desde o punto de vista do traballo hai que facer o mesmo: traballar duro, seguir mellorando no que temos que mellorar. Tampouco podo dicirche que sexa o partido que vai decantar a liga ou o ano; pero si que é verdade que pola distancia na clasificación e porque sabemos que é un equipo moi forte, temos que seguir igual de atentos e igual de competitivos".

En pretemporada, ambos os equipos víronse en Pasarón, nun duelo que Borja Granero viu "moi intenso. Viuse que había dous equipos que ían loitar por obxectivos similares. De pretemporada tivo pouco".

O defensor deportivista apunta que "gañar en Pontevedra sería un paso máis. Non sería un paso definitivo nin un paso de xigante. Debemos de seguir nunha liña de bos resultados, de seguir traballando e mellorando en aspectos do xogo. Sería un paso máis".