RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez admite que o partido é "especial" e "diferente", pero lembra que "non vai ser determinante, quedan moitas xornadas despois"

Borja Jiménez dedicou a rolda de prensa desta tarde en ABANCA-RIAZOR a Ana, unha deportivista residente en Córdoba e que atravesa un delicado estado de saúde.

Do Real Racing Club, rival mañá mércores ás 20:30 en ABANCA-RIAZOR (20:30 horas, Footters), lembra o técnico deportivista que "nos enfrontamos a un equipo que está a facer as cousas moi ben, que está en boa dinámica. É verdade que o outro día empataron en casa pero vén de moitos partidos sen perder. É un equipo moi grande dentro dos clubs de España, que ten ese nivel de esixencia de ascender, manexan case todos os rexistros, é un equipo con moito empaque, con xogadores determinantes en tres cuartos de campo para adiante. Nada que non soubésemos da primeira volta".

Subliña o adestrador branquiazul que "nós imos tentar facer o noso partido, imos tentar como sempre levar o peso do partido porque é como sentimos o fútbol e o que queremos facer. Vai depender moitísimo da capacidade de acerto que teñamos nós en facer as nosas cousas sabendo que nos enfrontamos a un moi bo rival".

Independentemente desta nova data do partido tralo adiamento do pasado mes de xaneiro, asegura que "o afrontamos coa ilusión que se afronta un partido como este, entre dous grandes equipos que agora mesmo son primeiro e segundo, que como estamos a ver vai estar todo moi igualado, moi comprimido".

De feito, lembra que "a semana pasada, dos de arriba só gañou o RC Celta B, que se enfrontaba ao Rayo Majadahonda. Real Unión empatou, UD Logroñés empatou, Racing empatou, nós perdemos. Agora mesmo é o segundo clasificado e nós os primeiros pero dentro dese grupiño de cinco, seis ou sete equipos, co Racing de Ferrol e Unionistas, que é o único que gañou sacando un partido moi complicado fóra de casa. Eses sete ou oito equipos imos pelexar por todo. Agora partimos con vantaxe porque estamos primeiros, pero vai estar moi igualado. Non creo que vaia a ser unha guerra entre Racing e nós. Creo que vai haber máis xente nesa guerra".

Borja Jiménez insiste en que o encontro de mañá afrontámolo "con todas as garantías do mundo e con moitísima ilusión. Temos moitas ganas de xogar o partido, de vivir o ambiente, que iso si que o percibín na rúa desde o luns, ambiente de bo fútbol, de xente que quere vir mañá ao campo".

Cualifica pois de "especial", de "diferente" un partido que é "dos partidos ou o partido máis bonito da categoría non só no noso grupo, senón dos dous grupos porque se enfrontan dous históricos. Igual que cando veña o UD Logroñés son partidos especiais, pero non creo que vaia a ser nada determinante. Van quedar moitas semanas despois. E o que ocorra mañá non pode afectarnos nin para ben nin para mal. Hai que continuar facendo as cousas e mañá cando acabe o partido ás 22:15 o primeiro que diremos será Calahorra, porque é o seguinte que nos vén e é a maneira de conseguir os obxectivos, sendo moi lineal no que un fai e sabendo cal é o obxectivo final. Isto é como no cole, ¿de que serve sacar 10 en matemáticas e un 0 en inglés? Non serve nada ao final. Tes que ir pouquiño a pouco tentando salvar todos os escollos que vaian vindo. O partido mañá é moi importante. Non lle quero quitar eu ningunha transcendencia, pero non vai ser definitivo nin para ben nin para mal porque vai haber máis equipos na pelexa. Quizá por como se desenvolveron as últimas xornadas antes de Nadal parecía que... Pero non porque todos picamos, porque a liga está moi igualada e porque nas ligas é verdade que ao final a cada equipo ponlle no seu sitio, pero queda moitísimo. Hai que tomarllo polo que é, un partido de febreiro moi importante entre os dous primeiros clasificados agora mesmo. Pero a vida ás 22:15 vai continuar e os obxectivos van estar moi abertos ás 22:15, independentemente do que pase".

A nivel mental, Borja Jiménez ve aos seus futbolistas "preparados. Non creo que haxa que preparar ao xogador ante partidos así. O equipo é un pouco o fiel reflexo do que é o seu adestrador en canto a xestionar tanto a vitoria como a derrota, en relativizar moitas cousas, en traballar e en corrixir para non equivocarnos nas cousas que facemos mal que non nos permitiron gañar estes días, pero a través da constancia e do traballo, de nada máis. Nin cando gañabamos pensabamos que eramos mellores e era máis fácil gañar, nin agora que perdemos somos peores. Somos os mesmos, uns días máis ou menos acertados, pero os mesmos. Entón ao grupo a nivel mental véxoo moi ben, con ganas de xogar porque normalmente cando perdes o que máis desexas é xogar canto antes e tivemos sorte nese aspecto, que volves xogar o mércores despois dunha derrota".