RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "Cando un non pode ser campión ten que loitar por ser segundo e conseguilo"

Borja Jiménez remitiuse esta tarde na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR ao comunicado do Club respecto da situación de Juan Carlos Menudo: "Non creo que co que nos xogamos nestas últimas catro semanas teña que falar moito ou pouco".

Asegura que o acordado respecto ao futbolista andaluz é "da Dirección Deportiva. A min transmítenme o que ocorreu despois do partido de Talavera e o Club decide, acorde aos valores que ten, tomar a decisión".

O técnico deportivista asegura que "o vestiario está moi ben, volveu a demostrar a unión que ten, sae o bo facer do grupo. Temos un grupo moi bo, dos mellores que dirixín nestes anos, co obxectivo moi claro de conseguir o ascenso e estamos moi centrados niso".

Preguntado pola decisión do Xuíz Único de Competición, que desestimou esta semana a reclamación do Dépor sobre a aliñación indebida de dous xogadores do Athletic Club B (Artola e Diarra), subliña que "o que vén dicir o xuíz de competición non ten moito sentido. Amparámonos en que hai un caso igual hai 3 anos, idéntico, cunha resolución diferente no Comité de Apelación. O procedemento está a ser o mesmo que no anterior caso: Competición non lle deu a razón e Apelación si; así que cremos que vai pasar o mesmo porque é o mesmo caso, co mesmo xuíz, neste caso a Federación Española. Entón non tería sentido que ante a mesma situación unha vez dígase unha cousa e outra vez dígase o contrario. Nese aspecto estamos tranquilos e eu conto cos dous puntos. Non entendo moito de leis, pero lendo onte a resolución quédame bastante claro que temos a razón".

Iso si, avisa que, co partido do Extremadura UD a próxima semana, "nós imos actuar como actuaron todos os equipos. Non imos facer nada diferente. Se algún dos xogadores que temos apercibidos ve o cartón amarelo, cumprirá sanción o día do Tudelano como fixo todo o mundo, respectando un pouco o sentido común e os valores da competición".

Da UD Logroñés, rival mañá sábado 30 de abril en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2, Footters e Fuchs Sports), subliña que "é un rival que cambiou de adestrador fai 3 partidos, cambiou un pouco a forma de atacar e defender do que era a primeira volta. Non se nos ten que esquecer que, igual que nós, era un dos candidatos ao primeiro posto e ao ascenso porque era un equipo recentemente descendido de Segunda A, porque teñen un investimento importante. Fixeron unha aposta forte este verán. Co cambio de adestrador variaron algunhas cousas, están a xogarse moito igual que nós para estar neses postos de playoff que che dá posibilidades de poder estar o ano que vén na categoría de prata".

Advirte o adestrador branquiazul que "nos imos a atopar un equipo que nos vai a sorprender un pouco pola súa proposta, vistosa tamén. Co cambio de míster cambiaron algúns rexistros e váinolo a poñer moi difícil. É verdade que vén de perder dous partidos consecutivos con Racing de Santander e Racing de Ferrol, pero sen facer moitos méritos para perdelos. Foron dous partidos moi igualados e estamos a 26 horas dun partido moi importante para nós porque queremos esa segunda praza, poñemos en valor que esa segunda praza para nós é moi importante e quédanos un tramo final de calendario onde temos que tentar sumar os máximos puntos posible. É a nosa esixencia, o escudo do Dépor lévache a gañar sempre e a nosa esixencia é esa. Partido dos bonitos da categoría polo nome dos dous equipos e porque os dous necesitamos gañar".

Borja Jiménez recalca que "en liña do que foi contra o DUX durante todo o partido e Talavera bastantes fases, sobre todo despois de velo máis fríamente, temos que levar o manexo do partido. Quizá o que nos faltou en Talavera foi ritmo nalgunhas situacións na primeira parte sobre todo de tres cuartos cara a adiante e ter acerto no último terzo".

Pide nesas zonas "ser agresivos, mirar a portería, facer desmarques non só para min, senón porque coa miña desmarque pode aproveitarse un compañeiro. Ou sexa, ser moi agresivos. Insistimos esta semana moito nese último terzo de finalización para ir metendo cousas de cara ao playoff, ir engadindo cousas no que cremos que agora o equipo necesita máis. É fundamental que á parte de levar o peso do partido, como adoitamos facer habitualmente, en último terzo sexamos agresivos e teñamos acerto".

Ademais, a nivel defensivo, quere que "eles non séntanse cómodos. Tentaremos defender alto como facemos sempre. Dependerá un pouco máis do seu xogo que podamos roubar máis ou menos arriba, de se xogan máis ou menos directo. A idea ten que ser a mesma que buscamos durante todo o ano, que en parte do ano non o conseguimos, pero estes dous últimos partidos as liñas están ben marcadas e o equipo fixo bos minutos, sobre todo o día do DUX".

Finalmente, de cara á segunda praza, non cre que o partido de mañá vaia a ser "definitivo e si moi importante. Vimos de partidos en casa gañando, queremos seguir con esa dinámica, enfrontámonos a un rival directo porque está en postos de playoff igual que o CF Rayo Majadahonda cando veu hai unhas semanas aquí a ABANCA-RIAZOR. Vai ser un partido moi difícil. Si que creo que é un partido moi importante, pero nós sabemos que até o último ou o penúltimo día vai estar aberta esa posibilidade e temos que traballalo e conseguilo. Cando un non pode ser campión, como vai ser o noso caso, ten que loitar por ser segundo e conseguilo. Iso téñoo moi claro".