RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez desvela que Antoñito viaxará a Talavera de la Reina, onde vaticina un partido "de moito ambiente, de tensión"

Borja Jiménez manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que Antoñito "é un xogador dunhas características moi claras, que son as que estabamos a buscar: lateral alto, con chegada, con boas situacións de centro. Pode cumprir perfectamente todos eses requisitos que queriamos para o lateral dereito nunha posición onde desde hai algún mes xa non tiñamos a ninguén. Tivemos que ir poñendo parches por dicilo dalgunha maneira, inventando diferentes situacións. Agora coa incorporación de Antoñito temos un xogador específico nesa posición que seguro que nos axuda".

O técnico deportivista afirma que "se todo é normal co tema das fichas e demais", convocará a Antoñito para o choque deste domingo 24 de abril ás 12:00 (Footters e Fuchs-Sports) en Talavera de la Reina: "Viaxará como un máis do primeiro cadro que para iso se fixo; sabendo que non chegará no seu mellor estado porque é normal, pero viaxará e estará connosco".

Explica que a súa fichaxe se debe a que se trata "dunha posición na que os lesionados non evolucionan. Non sabemos se imos poder contar con eles no que queda de ano. É unha demarcación que queda libre. Por como está a evolucionar a xente desa demarcación decidimos dar o paso de poder incorporar a alguén. Vendo as limitacións que tiñamos para poder asinar aí escollemos ao que criamos que era máis acorde coas nosas necesidades".

Advirte que "se viaxa é porque pode xogar. De inicio ou non decidiremos. Está claro que veu para achegarnos, que ten que ir collendo aos poucos a forma. Iremos decidindo se é con máis minutos, con menos; valorando os riscos que poidan existir ou non de lesión. Quixemos que todo fose moi rápido precisamente porque é unha demarcación onde non tiñamos a quen situar. Esta semana non está Aguirre (sancionado por acumulación de amoestacións). Entre os que ocuparon ese lateral dereito e a posibilidade de Antoñito decidiremos con quen iniciamos e quen termina o partido; ou igual é o mesmo que inicia".

Dá por feito que nos próximos días o Dépor sumará dous puntos máis por aliñación indebida do Athletic Club B e insiste que "o equipo xa o outro día deu mostras de que volveu estar a un nivel moi alto, a primeira parte ante o CF Rayo Majadahonda igual. O equipo está recuperado. Se contamos a do Athletic Club B fixemos tres vitorias seguidas. Dos últimos cinco fixemos catro vitorias. Eu creo que está recuperado. Quedan partidos que van ser difíciles en todo o que queda de ano. Independentemente diso ou non, o noso obxectivo é gañar a través de como o fixemos o outro día ou a primeira parte do CF Rayo Majadahonda de dar continuidade a accións boas de xogo durante moitos minutos independentemente de cal sexa o resultado. É momento polos resultados do equipo de pensar que estamos nese proceso de recuperación, de esquecernos xa e de centrarnos no que nos queda".

Do CF Talavera de la Reina, Borja Jiménez pensa que "nos imos a enfrontar a un rival que en casa gañou ao UD Logroñés. O outro día perdeu co RC Celta B na última acción. É o único equipo que foi capaz de non perder ante o Racing nestas doce semanas. Fala moi ben de como fan as cousas en casa. Os números nese sentido son positivos. É certo que cambiaron de adestrador, cambiaron algunhas cousas que facían antes que agora non fan; e ao contrario outras que antes non facían e que agora fan".

Vaticina en El Prado "o partido máis importante para a súa afección. Veremos un campo cheo, xente que aperte. Están a xogarse o descenso, ou sexa, que será un partido de moito ambiente, de tensión, cun rival que as opcións que teña de permanencia van pasar polo que faga en casa. Porannos as cousas difíciles seguro".