RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez insiste no obxectivo de "chegar ben situados a finais de abril, principios de maio, para o momento da verdade"

Borja Jiménez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o equipo estivo moi centrado desde o luns en tentar preparar o partido de Logroño (este domingo 13 de febreiro ás 12:00 en Las Gaunas ante a SD Logroñés) porque é o primeiro que temos e a puntuación vai valer igual a do mércores (ante o Real Racing Club en ABANCA-RIAZOR) que a do domingo. Entón irnos máis aló non creo que nos axude".

Advirte que a derrota do pasado domingo "podía chegar e estou convencido de que chegarán máis porque é o normal. Afrontámolo coa personalidade que ten o grupo, o corpo técnico de tranquilidade, de darlle normalidade ás cousas, de relativizar moito cando ganas no 90 e cando perdes sendo superior; ou cando ganas facendo un mal partido, a análise é gañamos pero non estivemos tan ben; hoxe perdemos, pero estivemos ben, hai que mellorar isto, isto outro. Non creo que debamos só centrarnos no que ocorra durante os 90 minutos. Nós como corpo técnico e eles como xogadores temos que ir a unha análise máis a longo prazo de saber que cousas facemos ben, que cousas facemos mal. Xestionámolo con total normalidade, porque nun deporte un gana e outro perde, e isto é o habitual. O anormal era a xeira que conseguiramos obter. Oxalá teñamos outra así moi pronto, porque nos achegaría moito ao obxectivo".

Así pois, pide "ter a cabeza fría porque quedan 17 partidos paréceme. Como vos dixen sempre até finais de abril, principios de maio, hai que estar ben situados para o momento da verdade, esas 4 ou 5 últimas xornadas, que é cando se van a decidir as cousas. Non se vai a decidir nada en marzo, nin a principios de abril, porque hai moita puntuación en xogo. En maio vannos a quedar 15 ou 18 puntos, entón con tantos puntos en xogo poden pasar moitísimas cousas. Hai que chegar ben sabendo o que queremos facer e aí é cando de verdade, estando ben situado, poderemos pelexar polo obxectivo".

Insiste en que "os números que fixeramos (na primeira volta) foran estratosféricos e que a segunda vai estar todo máis apertado. Estou convencido diso, pero imos a Logroño coa idea de gañar e conseguir tres puntos ante un rival que nolo vai a poñer moi difícil. A segunda volta fóra de ABANCA-RIAZOR vai ser máis difícil aínda gañar que na primeira, pero é o habitual nas competicións. Todo se aperta e todo vai ser máis difícil. Hai que ter calma. Nós non imos renunciar a nada do que facemos, ou sexa que seguir para adiante, con paciencia e tentando sumar de 3 en 3 cada día que xoguemos".

Preguntado polo partido dos xuvenís do pasado mércores con motivo da UEFA Youth League, confesa estar "moi contento por todo o que fixeron os rapaces, polo que vimos o outro día en ABANCA-RIAZOR. Encantado persoalmente con que o fixeron tan ben, da maneira que competiron e como están a facer as cousas. Teñen que ir queimando etapas. Moitos deles aínda están a xogar co Xuvenil A, nós xa temos algúns que en idade xuvenil están a competir connosco. Temos que ir pouquiño a pouco con eles. Teñen aí o paso intermedio que é o do Fabril, que moitos deles xa están a participar. Teñen que facelo ben e iranse achegando aos poucos ao primeiro equipo".

Así mesmo, acerca de Yeremay, subliña o adestrador branquiazul que "connosco xa sabe o que ten que facer para xogar. O outro día estivo a bo nivel, é un xogador dun talento diferente que ten que mellorar cousas. Eu estou no día a día con el. Cando estivo ben non tiven ningún inconveniente de polo: en Ferrol, contra o Valladolid... Cando estivo ben para o nivel de esixencia de Primera RFEF. O outro día compórtase con xente da súa idade ou mesmo máis pequena a un nivel moi por riba. Os xogadores teñen que competir nunha categoría onde sexan diferenciais porque se non o xogador termina cansándose ou de non regatear ou de non participar, ou de non facer as cousas. E máis un xogador do talento como el".

Volve solicitar co futbolista canario "paciencia, como con calquera outro xuvenil, pero é verdade que el é especial nas cousas que fai, pero teno que facer diariamente connosco no día a día, polo nivel do resto dos seus compañeiros que ten nesa demarcación: William, Mario, Quiles, Menudo, Doncel, Álvaro... É xente moi contrastada na categoría, algúns deles no fútbol profesional. O nivel do primeiro equipo está altísimo, el ten que estar a ese nivel para poder ser útil".

Reitera que lle pide que "sexa constante no seu xogo. Ten que dar moita continuidade de accións a un nivel de esixencia maior que o do outro día, porque o nivel de esixencia de Primera RFEF é moito maior que o que vimos o outro día. Houbo unha parte do ano que connosco estivo a ese nivel e por iso participou; e se non participou o resto do ano é porque o nivel de esixencia do grupo puido ser maior. Pero é normal nos rapaces que teñan picos de moi bo fútbol, logo picos onde se atopan máis incómodos. É o habitual nun proceso de formación. É un xogador especial en canto ao seu talento. O que ten que facer é moitas veces o que fixo o outro día connosco ou co nivel dos xogadores de Primera RFEF".

Da SD Logroñés di o adestrador branquiazul que "vén en boa xeira como todos os equipos que habemos ir collendo. Fomos a Zamora con 5 partidos sen perder; DUX 11 sen perder; Real Unión viña de gañar en Vigo sendo o mellor visitante... Agora imos á SD Logroñés, que empezou o ano moi ben. Tivo ese baixón e agora levan 3 partidos sen encaixar e facéndoo ben. É un equipo incómodo pola súa forma de xogar. Faiche sentir incómodo porque non dominas todo o partido, porque teñen fases onde eles arriscan e son dominadores".

Finalmente, sobre Álvaro Rey opina que "para 90 minutos aínda non está, 90 minutos de calidade claro. Pero cada vez vai estando mellor e vainos a ir achegando"; e en canto a Juergen Elitim, a un cartón da suspensión, explica que o xestionará "con normalidade. Se cremos que ten que xogar, xogará porque ¿de que serve pensar no mércores saltándonos o domingo? De nada. Entón se cremos que Juergen ten que xogar, como fixo até agora, xogará. ¿E se o sancionan? Pois mala sorte. Xogará outro o día seguinte. Non hai ningún inconveniente. Así o fixemos sempre. Non falei nada durante a semana con el deste tema porque estamos súper centrados en tentar conseguir os tres puntos de Logroño e a partir de aí, pois logo temos semana con dous partidos aquí ABANCA-RIAZOR e valoraremos".